Igualdade potencia os Consellos municipais da muller nova para que neste mandato todos os centros de ensino teñan un

adminON
Lectura mínima de 5

A concelleira quere chegar a todos os centros de ensino secundiario, bacharelato e formación profesional  do concello e buscar novas fórmulas para mellorar a eficacia das actividades do CIM nas aulas.  Na reunión puxéronse sobre a mesa os principais hándicaps que se atopan á hora de abordar este tema,  así como as preocupacións e posíbeis solucións que aporta a docencia 

A Concellaría de Igualdade, que dirixe Anabel Gulías márcase como reto do mandato ampliar a rede de  Consellos da muller nova a todos os centros de secundaria, bacharelato e formación profesional do concello.  Así o trasladou na reunión de balance do pasado curso escolar ante a presenza das técnicas do Centro de  Información á Muller (CIM) e ante case unha vintena de docentes, pertencentes á práctica totalidade dos  centros, que amosaron a súa boa disposición para seguir formando parte desta rede dos Consellos  municipais da muller nova.  

A experiencia estaba en marcha dende facía varios anos, pero coa pandemia sufrira un lixeiro estancamento.  Anabel Gulías explicou que a dinamización do Consello Municipal da Muller Nova é un proxecto que « quere  cocer a lume lento », e no que vai seguir traballando durante todo o mandato, non só para afianzar a rede de  profesorado senón tamén para intentar implicar ao alumnado dos diferentes IES, CIFP e CPR. De feito, xa hai  

media ducia deles que contan con Consellos de muller nova, é dicir, con estruturas permanentes de  alumnado que durante todo o curso traballan na promoción da Igualdade na súa comunidade educativa. A  idea é que a partir de agora, teñan unha rede de contactos que lles axude neste obxectivo.  

Na reunión de balance tamén se informou das visitas realizadas aos centros de ensino durante o curso escolar  para entrevistarse coas persoas responsábeis da materia. O concello quería coñecer a opinión do  profesorado sobre a reacción que as actividades de Igualdade provocan no alumnado e, en xeral, sobre a  actitude que os rapaces e rapazas teñen cara ao feminismo, así como a súa valoración sobre dos talleres e  actividades que organiza o Concello.  

Desde o departamento que lidera Gulías, considérase que o feito de contar, a partir de agora, coa práctica  totalidade de centros, suporá un importante pulo para a súa actividade. Para o CIM é clave que as súas  actividades en prol da Igualdade cheguen á mocidade pois detecta que cada vez hai maior porcentaxe de  mozas entre as súas usuarias e tamén que os episodios de violencia comezan cada vez a idades máis  temperás.  

O profesorado entrevistado coincidía na necesidade de levar esta temática á aula, especialmente para  contrarrestar os contidos que lle chegan á rapazada a través das redes. Mais recoñecían que, á hora de  abordar a problemática na clase, atopaban certos hándicaps como o rexeitamento de parte do alumnado  cara ao feminismo, as actitudes machistas por parte dalgúns mozos e algunhas mozas, a falta de apoio de  parte do claustro a actividades fóra do temario, ou a decisión de limitar a temática a datas sinaladas como o  8M, o 25N ou o 11F.  

O encontro serviu para evidenciar que a maioría dos centros acusan as mesmas eivas mais tamén para por  sobre a mesa as posíbeis solucións que, como persoas expertas na formación da mocidade, propoñen: por  exemplo, iniciar a formación afectivo-sexual en idades máis temperás, formar a profesorado e proxenitura  para que teñan ferramentas coas que rebater as loiadas que transmiten as redes, intentar implicar máis ao  profesorado masculino, converter a Igualdade en materia transversal ou buscar novas linguaxes para intentar  atraer ao alumnado. Ademais, foi unánime a consideración de que este intento do concello de crear rede  para traballar de xeito conxunto e, sobre todo, o seu desexo de escoitar a quen máis trata co alumnado, é un  primeiro paso moi positivo.

Comparte este artigo