HomePontevedraPontevedraA Xunta anima ás empresas de Pontevedra a optar a nexos, a...

A Xunta anima ás empresas de Pontevedra a optar a nexos, a maior convocatoria de axudas para proxectos colaborativos de I+D+I

- Anuncio -spot_img

Esta liña está dotada con 28M€ para impulsar iniciativas entre empresas e centros de coñecemento en ámbitos estratéxicos

A Xunta de Galicia continúa coa súa rolda de obradoiros informativos sobre o novo programa Nexos dotado con 28M€, o que supón a maior contía destinada polo Goberno galego a unhas axudas para impulsar a I+D+i colaborativa entre empresas e co apoio de centros de coñecemento en ámbitos estratéxicos para a Comunidade. Desta vez, foi a quenda das empresas da provincia de Pontevedra, que se celebrou na Confederación Empresarial de Pontevedra, en Vigo.

Co obxectivo de resolver dúbidas e explicar todas as características desta convocatoria a potenciais interesados en optar a ela, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP está a celebrar estas xornadas en todas as provincias para que estes poidan coñecer a fondo esta nova liña de apoio, cofinanciada con fondos europeos no marco do programa Galicia Feder 21-27.

Durante a cita, explicouse a medio centenar de participantes dun xeito práctico as características de Nexos, ademais de atender as dúbidas dos asistentes en Vigo, facilitándolles apoio para solicitar estas axudas. O prazo permanecerá aberto ata o 22 de setembro. Poderán beneficiarse delas as agrupacións de entre tres e seis empresas –principalmente pemes– que realicen proxectos de I+D+i en colaboración. Nexos, que abrangue catro anualidades ata 2028, busca fomentar a cooperación a través de proxectos de I+D+i entre pemes e demais axentes deste eido. Deste xeito, a convocatoria prevé chegar a 50 proxectos e 200 beneficiarios e, así, mobilizar 47M€.

Ámbitos estratéxicos

Entre as novidades da convocatoria destaca a priorización dun número reducido de ámbitos temáticos e a incorporación de custos simplificados na xustificación das axudas para impulsar a competitividade do tecido produtivo galego a través da I+D+i en beneficio da sociedade. A tipoloxía de proxectos subvencionables poden ser de investigación industrial, desenvolvemento experimental ou innovación organizativa ou en materia de procesos. Priorizaranse aqueles que se inclúan nalgún dos seguintes ámbitos estratéxicos: agroalimentación, benestar e saúde, economía circular e enerxía ou fabricación avanzada.  

Publicacións Relacionadas