A Oficina Municipal de Información Xuvenil de Soutomaior está presente dende mediados do pasado mes de outubro nos centros educativos do concello co fin de achegarlles toda a información sobre as actividades que se realizan destinadas a eles, e tamén, a posibilidade de facer de maneira directa o carné xove dende o propio centro escolar. A 3ª edición de Noctámbulas e a programación da Festa da Ostra foron as grandes protagonistas desta xornada.
O Concello de Soutomaior a través da Concellería de Mocidade puxo en marcha o programa “INFOEXPRESS” para achegar a información xuvenil á mocidade matriculada nos centros educativos do municipio, tanto no IES de Soutomaior como no Colexio Santiago Apóstol. O punto de información itinerante estase a desprazar a estes centros coa intención de crear espazos seguros onde a información chegará a mocidade de xeito fiable e directo para que poidan estar ao día de todas as actividades ou campañas das que poidan beneficiarse.
Esta mañá o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a técnica de Cultura do concello, Sonia Pintos, achegaron á mocidade a información xuvenil do seu interese, nestes intres, facilitaron máis formularios para facer de maneira directa e dende o centro o carné xove, tamén levaron toda a información da programación da Festa da Ostra e fixeron a presentación dunha nova edición de Noctámbulas.
3º EDICIÓN DE NOCTÁMBULAS
Unha nova edición de Noctámbulas, e xa van tres, aterra no mes de abril ao Concello de Soutomaior. Un programa dirixido á mocidade de entre 12 a 30 anos que se desenvolverá os sábados 13 de abril, 27 de abril, 4 de maio e 18 de maio en horario de 20:00 h. a 23:00 h.
O obxectivo deste programa é o de encher de contidos saudables o tempo libre e de lecer dos sábados das mozas e mozos que o desexen.
Unha edición que aterra con moitas novidades, o sábado 13 de abril os videoxogos invaden a noite en Noctámbulas! Dende o concello convidan a toda á mocidade a unirse ás batallas en Mario Kart e StreetFighter. As e os interesados poden participar nos torneos ou simplemente desfrutar da zona de videoxogos libres. Xoga, compite e divírtete coas túas amizades nesta experiencia única de videoxogos. Esa será unha das actividades, a outra protagonista será Paint in the dark inmersivo taller de pintura fluorescente a escuras, onde as e os participantes atoparán un ambiente retrofuturista iluminado con luces de neón para cun pincel nunha man e outro na outra crear unha obra de arte mentres poden degustar cócteles sen alcol.
O sábado 27 de abril chegará o Rastrexo Urbano “O caso da imprenta Gutemberg” con actividades de aventura na rúa onde terán que atopar, en grupo, as palabras perdidas e superar os retos que se lles presenten. Enfrontándonos a personaxes e misterios con moito humor.
O sábado 4 de maio haberá Xogos variados e campionatos Multideporte. Unha xornada na que haberá múltiples actividades deportivas, torneos e xogos de habilidade: Archery combat (actividade indoor, onde por equipos de ata 5 xogadores/as xogamos cos arcos e frechas de espuma), futbolin humano (Torneo rápido de futbolín inchable 5vs5, onde as/os participantes son as pezas do futbolín), Lacrosse (dous equipos que usan un pau “stick” cunha rede na parte superior para pasar e recibir unha pelota de goma, fútbol,baloncesto, relevos, “escondite inglés”… con premios para as mellores clasificacións e moitas máis sorpresas.
E o sábado 18 de maio será a quenda dun Escape Game “A casa encantada”. Un desafío emocionante que transformará a casa da cultura de Soutomaior nun espazo diferente, con salas nas que vivirás experiencias de escapismo en vivo, combinando o tempo limitado cos espazos confinados e a necesidade de buscar solucións rápidas e creativas para rematar esta aventura e desencantar a CASA.
Todas as actividades son de balde, as e os interesados en participar soamente teñen que ter o seu carné de NOCTÁMBULAS que poden solicitalo previamente na OMIX ou directamente no mesmo lugar da actividade.

