O Concello de Mos insiste en que non se trata de augas fecais e que as instalacións do RC Celta en Pereiras están conectadas á rede de saneamento municipal
Desde o Concello de Mos, a súa alcaldesa, Nidia Arévalo, apóiase en informes do propio Consorcio de Augas do Louro e de técnicos muncipais en resposta á denuncia de Ecoloxistas en Acción polas supostas augas residuais nos montes de Pereiras, relacionadas coa Cidade Deportiva do Celta.
Arévalo lamenta “a campaña desesperada e desporporcionada dos Ecoloxistas en Acción co fin único de crear alarma social con fins políticos”. Ademais a rexedora local mosense apunta que “os valores das analíticas realizadas das mostras tomadas tanto polo Consorcio de Augas do Louro, como polo propio Concello, acreditan que non existe contaminación por augas residuais e que non se tratan de augas fecais”.
Literalmente o informe do Consorcio de Augas do Louro que se adxunta conclúe que “non se contempla contaminación por augas residuais no punto indicado” e os informes emitidos pola enxeñeira municipal a raíz das mostras tomadas, tanto o 21 de xuño como o 22 de agosto, establecen que “os resultados das analíticas están moi por debaixo dos valores de referencia que dispón o Reglamento del Dominio Público Hidráulico, polo que se pode afirmar que se cumpre coa vixente lexislación e non se consideran que existen verquidos de augas fecais ao medio”.
Constátase polo tanto que son augas pluviais autorizadas que contan ademáis con informe favorable da propia Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que autorizou as devanditas pluviais dentro do Plan Especial da Cidade Deportiva Afouteza. Así mesmo, a Cidade Deportiva do RC Celta en Pereiras, atópase conectada á rede saneamento municipal.
A rexedora local mosense informou por último de que “desde o Concello de Mos somos coñecedores de primeira man do expediente iniciado a raíz da denuncia de Ecoloxistas en Acción, porque incluso lle pedimos á Confederación Hidrográfica que se nos notifique como interesados, para estar informados e ao tanto de todos os pasos que se van dando neste procedemento”, declarou. E insistiu en que “tanto as analíticas realizadas, como os informes técnicos emitidos sobre as mesmas, certifican que se trata de augas pluviais non contaminadas, demostrando que a única intención da entidade promotora deste expediente sancionador, Ecoloxistas en Acción, é a de crear alarma social con fins claramente políticos”.
“Estes señores buscan repercusión mediática para darlle voz a unha mentira na que se basea a súa campaña de acoso e derribo contra o Celta, a Cidade Deportiva do clube, e o Concello de Mos”, sentenciou Nidia Arévalo.

