∙ Ademais de consolidar canles de comunicación directa coa veciñanza, o alcalde salienta actuacións como a dotación dun novo local para o Fogar de Maiores, que será inaugurado nos vindeiros meses, ou os investimentos realizados en materia de servizos básicos para o rural e o casco urbano
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, celebrou este luns un almorzo informativo para dar conta da xestión realizada durante o seu primeiro mes á fronte do Goberno local, así como para falar dos proxectos e iniciativas nos que a Administración local está a traballar, sempre co obxectivo de “garantir e mellorar a calidade de vida da nosa xente”, ao tempo que se busca “continuar consolidando a Caldas de Reis como o motor e referente da bisbarra”. Tal e como explicou o rexedor socialista nesta cita cos medios, as primeiras semanas á fronte da Alcaldíacentráronse en establecer e axilizar canles directas de atención á cidadanía, algo que non só se fai no propio Concello, senón tamén a pé de rúa. “Estamos en contacto directo e permanente cos veciños e veciñas tanto do núcleo urbano como no rural, onde practicamente estamos indo porta por porta para coñecer as súas necesidades e explicarlles a nosa folla de ruta á fronte do Goberno municipal”, explicou Pérez Gulín, que tamén quixo agradecer as numerosas mensaxes e as mostras de apoio e de ánimo que está a recibir desde o seu nomeamento como alcalde. Ademais, tamén está a manter reunións periódicas con colectivos e asociacións locais.
Con respecto á folla de ruta marcada de aquí ao final do mandato, o máximo responsable do Goberno local lembrou que nestes primeiros meses do ano vanse acometer obras por valor de preto de 800.000 euros. Actuacións todas elas que quedaron proxectadas no 2024, pero que aínda non se pudieron facer realidade polos tempos administrativos. “Son traballos en favor da mellora dos servizos básicos, algo que para nós é imprescindible, especialmente no rural, así como na recuperación de espazos públicos e novas áreas de lecer en lugares emblemáticos como A Tafona ou a dotación de novas prazas de aparcamento”, lembrou Pérez. Ademais, nestas primeiras semanas na Alcaldía xa mantivo reunións de traballo con outras institucións, como a Deputación de Pontevedra ou Zona Franca, e solicitou tamén encontros con distintos departamentos da Xunta de Galicia, para axilizar e dar saída a proxectos de calado.
O alcalde de Caldas de Reis tamén recordou a licitación do novo contrato para o mantemento e limpeza de cunetas nas vías do rural, cun investimento de 90.000 euros, así como a adxudicación das obras para a dotación de rede de saneamento na contorna da igrexa de Saiar. Ademais, como proxecto importante tamén hai que salientar a inminente apertura do novo local para o Fogar do Maior. Jacobo Pérez explicou que se están a ultimar os derradeiros traballos da posta a punto destas dependencias, duns 900 metros cadrados de superficie, que se sitúan nun lugar céntrico, con espazos para estacionar, e que permitirá “centralizar e facilitar as actividades que organizamos para os nosos maiores”. Neste sentido, Pérez Gulín quixo poñer en valor o labor que se desenvolve desde a área de Servizos Sociais neste ámbito. “Poucos concellos da provincia de Pontevedra chegan ao volumen de organización de propostas e actividades que manexamos aquí en Caldas para as persoas maiores. Precisamente, isto é o que queremos acadar para todas as idades e sectores da nosa poboación”, sinalou, poñendo como exemplo as novas pistas polideportivas da Tafona, que “a bo seguro serán un lugar de encontro para a nosa mocidade”.
Por outra banda, o alcalde confirmou que o Concello prorrogará o Orzamento aprobado en 2024 para este exercicio. “Entendemos que é a mellor decisión, tendo en conta que hai investimentos do pasado exercicio que aínda non se puideron exectuar, debido aos tempos administrativos dos que falaba anteriormente”, explicou, lembrando, ademais, que a partida prorrogada supón dar continuidade a unhas
Concello de Caldas de Reis
Rúa Ferreira, 1
alcaldia@caldasdereis.gal
Tel. 986540110
NOTA DE PRENSA
contas con cifras históricas, e que xa en 2024 supuxeron un incremento importante en diferentes áreas, como Deportes, Cultura ou Servizos Socais. Neste último apartado, precisamente, mantense o incremento de 300.000 euros para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). “Deste xeito, poderemos traballar con tempo no Orzamento de 2026, consolidando esa filosofía que temos de mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza e seguindo a priorizar a dotación de servizos e prestacións básicas, algo no que continuamos a traballar”, recalcou. Non hai que esquecer que practicamente a totalidade dos investimentos xestionados a través das convocatorias de 2024 e 2025 do Programa +Provincia da Deputación de Pontevedra se destinan a obras de dotación de saneamento e abastecemento, tanto no núcleo urbano coma no rural.
Por último, ademais de salientar a boa sintonía e o traballo que está a manter o Goberno de coalición, Jacobo Pérez amosouse convencido de que este mandato será no que se consolide a ansiada ampliación de chan industrial. Un tema que foi abordado na reunión mantida hai uns días co delegado de Zona Franca en Vigo, David Regades, e da que xurdiu o compromiso de ter listo en dous meses o estudo de viabilidade do polígono industrial Paradela-Carracedo. Ademais, seguiranse abordando fórmulas para extender a área industrial de Veigas de Almorzar e do Pousadoiro.
En definitiva, o alcalde de Caldas de Reis ten claro que “estamos na liña correcta para consolidar a confianza que nos traslada a nosaveciñanza e seguir facendo deste concello o gran referente da bisbarra do Umia”.