HomePontevedraLicitada por 20,7 millóns de euros a renovación integral do tramo ferroviario...

Licitada por 20,7 millóns de euros a renovación integral do tramo ferroviario Redondela-Bifurcación Arcade

- Anuncio -spot_img

– A actuación, que se desenvolverá ao longo de 7,8 km, comprende a supresión do paso a nivel de Cesantes, de uso peonil, que se substituirá por un paso baixo a vía de 2,5 m de ancho e 3 m de altura. As obras consistirán en melloras nas infraestrutura e na vía, e a ampliación de túneles.

– A alcaldesa, Digna Rivas, amósase moi satisfeita con este anuncio do Goberno central xa que os traballos “permitirán mellorar a seguridade dos peóns no paso a nivel de Cesantes, e no conxunto do tramo aumentarase a capacidade e fiabilidade da rede ferroviaria cunha mellora da calidade do servizo para a cidadanía”.

O concello de Redondela acolleu con gran satisfacción do anuncio do Consello de Ministros, que autorizou hoxe ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable a licitar, a través de Adif AV, as obras de renovación integral do tramo Redondela-Bifurcación Arcade por un valor estimado de 20,7 millóns de euros. A actuación, dentro da liña convencional Redondela-Santiago, busca “modernizar e aumentar a capacidade e fiabilidade da rede ferroviaria”. Esta renovación integral fará posible o incremento dos tráficos, tanto de pasaxeiros como de mercadorías, á vez que se mellora a calidade do servizo. As obras inclúen a mellora de infraestrutura e vía no tramo de 7,8 km de lonxitude, dos cales 2,7 km atópanse electrificados. Entre os traballos destacan a renovación do material de vía (carrís, travesas, balasto e desvíos), consolidación e reforzo de desmontes, e a adecuación das súas 16 pontes, ademais de obras de drenaxe. Tamén se ampliará o gálibo dos 5 túneles do traxecto para permitir servizos de autoestrada ferroviaria e a futura electrificación do tramo a 25 kV para a súa conexión co Eixo Atlántico.

Eliminación do paso a nivel de Cesantes

A reforma suprimirá o único paso a nivel existente, situado en Cesantes, ao norte do apeadeiro da parroquia. O paso a nivel, de uso peonil, será substituído por un paso baixo a vía de 2,5 m de ancho e 3 m de altura. A alcaldesa, Digna Rivas, amósase moi satisfeita con este anuncio do Goberno central xa que os traballos “permitirán mellorar a seguridade dos peóns no paso a nivel de Cesantes”. Ademais, no conxunto do tramo que se vai renovar “aumentarase a fiabilidade da rede ferroviaria cunha mellora da calidade do servizo para a cidadanía”.

Reforma da estación de Redondela e novo apeadeiro en Chapela

Na estación de Redondela xa están en marcha, cun investimento de 3,3 millóns de euros, os traballos que completan a súa remodelación e reforzan a súa accesibilidade: instalación de ascensores, equipamento do paso inferior, renovación de aseos e outras instalacións, e obras na praza de acceso. Estas actuacións contribúen aos ODS 9 (fomento de infraestruturas fiables, sustentables e de calidade), 7 (sostibilidade) e 8 (desenvolvemento económico e xeración de emprego).

Adif xa executa a modernización do tramo comprendido entre Vigo-Guixar e Guillarei, onde está en marcha, cun investimento de 32,7 millóns de euros, a renovación de vía do trazado Redondela-Vigo Guixar. Este proxecto inclúe a construción do novo apeadeiro de Chapela, na contorna da Alameda Rosalía de Castro e a zona coñecida como “campito”. Ademais, adxudicou recentemente as obras de renovación de vía entre Redondela e Guillarei por 49 millóns de euros. Estas inclúen a ampliación das dimensións (gálibo) de distintas estruturas, a instalación de novos sistemas de protección civil e seguridade nos seus catro túneles, a construción dun novo viaduto (82 m) sobre a estrada N-550, a renovación dunha vintena de pasos inferiores, e a remodelación de plataformas da estación de Louredo-Valos.

Transportes está a avanzar na modernización de toda a liña Ourense-Vigo. Cun investimento global de 265 millóns de euros, que inclúe a conexión Guillarei-fronteira portuguesa, a liña  adecuarase ao Corredor Atlántico, reforzará a conexión con Portugal e aumentará a súa capacidade para tráfico de viaxeiros e mercadorías.

Publicacións Relacionadas