O presidente da Deputación salienta a achega de 700.000 euros por parte da Deputación para colaborar na execución dun proxecto que afonda na estratexia de modernización das instalacións deportivas municipais en toda a provincia
A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello de Ribadumia a través dos plans de Cooperación como o +Provincia e o PEID ascende a 1,34M€
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcalde de Ribadumia, David Castro, para o financiamento do proxecto básico e de execución para os novos servizos do campo de fútbol e do pavillón polideportivo, así como a humanización do espazo anexo. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Castro selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 700.000 euros a un proxecto valorado en máis dun millón de euros.
O proxecto contempla a construción duns novos accesos, aseos e dotacións ao campo de futbol e pavillón polideportivo cunha edificación que redondee a humanización dun espazo público delimitado polos edificios do CEIP “Becerra Malvar”, o pavillón polideportivo e o campo de fútbol da Bouza de Barrantes. A construción dunha edificación de dúas plantas servirá para mellorar o acceso ao campo de fútbol, dotalo de novos vestiarios e servizos para o pavillón polideportivo. Unha intervención que resolverá as carencias actuais duns equipamentos que utilizan decotío os alumnos do colexio, tanto para actividades escolares, deportivas como de lecer. Ao mesmo tempo, o proxecto reconverte o espazo público anexo para transformalo nun parque urbano.
A colaboración da Deputación co Concello de Ribadumia non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis de 1,34 millóns de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.