Os senadores do PP denuncian o abandono ferroviario de Ourense por parte do Goberno de Sánchez e esixen solucións inmediatas

Redacción

·      Rosa Sánchez Gándara, Francisco José Fernández Pérez, Carmen Leyte Coello e José Manuel Baltar Blanco rexistran unha batería de preguntas no Senado para esixir explicacións e medidas urxentes ante a deterioración do servizo ferroviario que sofre a provincia

Os senadores do Partido Popular por Ourense denunciaron o abandono ferroviario que padece a provincia como consecuencia da falta de mantemento, investimento e planificación do Goberno de Sánchez, unha situación que, aseguran, traduciuse nun incremento constante de avarías, atrasos, cancelacións e transbordos por estrada que prexudican a miles de usuarios.

Co obxectivo de esixir responsabilidades e obter compromisos concretos, os representantes populares no Senado rexistraron unha batería de preguntas dirixidas ao Goberno, nas que reclaman explicacións polas reiteradas incidencias ferroviarias e esixen actuacións urxentes para garantir un servizo fiable, seguro e puntual.

Os senadores lembran que os pasados 8 e 9 de xullo unha nova avaría na catenaria á altura do Irixo volveu provocar atrasos, cancelacións e transbordos por estrada en servizos Avant, Avlo, Alvia e alta velocidade, afectando as conexións entre Ourense, Santiago, Vigo, A Coruña e Madrid. Subliñan, ademais, que estes episodios xa non poden cualificarse como feitos illados, senón como a consecuencia dunha progresiva deterioración da infraestrutura ferroviaria galega e, especialmente, da que dá servizo á provincia de Ourense.

Nas preguntas rexistradas, os senadores solicitan ao Executivo que explique as causas destas incidencias, o detalle de cantas avarías producíronse nas últimas semanas, un informe dos investimentos executados e previstos, que concrete un calendario de actuacións para corrixir as deficiencias detectadas e aclare que medidas pensa adoptar para reforzar o mantemento da infraestrutura ferroviaria.

Así mesmo, reclaman información sobre as compensacións aos viaxantes afectados e preguntan se o Ministerio considera que o actual servizo cumpre os estándares de calidade e fiabilidade exixibles a un servizo público esencial.

Para os representantes ourensáns, o abandono ferroviario de Ourense é xa unha evidencia. “Mentres o Goberno presume de alta velocidade, os cidadáns e as empresas da nosa provincia soportan semana tras semana atrasos, avarías e incerteza nun servizo esencial para a mobilidade, a actividade económica e a cohesión territorial”, afirman.

Os senadores do PP consideran que o Ministerio de Transportes debe abandonar a improvisación e poñer en marcha de forma inmediata un plan extraordinario de mantemento e investimento, acompañado dun calendario público de actuacións que permita recuperar a fiabilidade das conexións ferroviarias e evitar que estas incidencias sigan prexudicando aos usuarios.

Finalmente, reiteran o seu compromiso de continuar utilizando todas as iniciativas parlamentarias ao seu alcance para defender os intereses da provincia e esixir ao Goberno de Sánchez que poña fin a un abandono que está a lastrar a competitividade, a mobilidade e o desenvolvemento de Ourense.

Comparte este artigo