‘As tartaruguiñas’ foron as gañadoras do reto, galardoado cunha experiencia para descubrir a Serra do Suído en Fornelos de Montes
Este domingo 30 de xuño temos unha nova cita en Oia. Inscricións xa abertas na web
Antonio Palacios e un novo desafío de Eureka Reto Rural tiña que ser unha combinación gañadora. Máis de 240 persoas achegáronse á vida e obra do recoñecido arquitecto nunha trepidante aventura polas rúas do centro do Porriño, un encontro no que pequenos, pequenas e maiores puideron coñecer dun xeito divertido, orixinal e entretido un pouco máis desta destacada figura de recoñecemento nacional coincidindo co 150 aniversario do seu nacemento.
O equipo ‘As tartaruguiñas’ foi o gañador do escape room, premiado cunha experiencia para descubrir a Serra do Suído en Fornelos de Montes, unha xornada na que otear a fauna cun almorzo de campaña en plena natureza. Ademais, os equipos ‘As estreliñas’, ‘Os Picapedra’ e ‘Laos tienda puchaina’ foron os gañadores das cestas con produtos gastronómicos da comarca de El Ultramarino. Pablo Rodríguez é a cara visible tras El Ultramarino, un negocio local do Porriño que defende os valores do rural e incentiva a xeración de vida no municipio e protagonista dunhas da historias da edición de 2023 da campaña Parte de Ti de EuRural.
A través de Eureka Reto Rural, a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño exploran os 14 concellos do territorio dun xeito diferente, descubrindo a todas e todos os participantes recunchos, protagonistas e historias dos distintos municipios.
A vindeira cita será este domingo 30 de xuño ás 10.30 horas no Concello de Oia para coñecer máis sobre o seu Mosteiro. As persoas interesadas en participar neste ou nos próximos escape rooms deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Nesta páxina atoparase ademais toda a información sobre datas, puntos de encontro ou horarios das distintas probas.

