Este ano o Concello presenta Salceda 36470dB, o primeiro concurso de DJ’s
O Concello de Salceda presentou esta mañá o seu Verán Cultural, cunha programación diversa para todos os públicos con máis de 30 actividades. Os actos desenvolveranse entre os días 3 e 20 de xullo, organizados polo Concello e por varios colectivos que estiveron presentes hoxe na presentación.
A Alcaldesa Loli Castiñeira quixo destacar o dinamismo do noso concello, facendo que a nosa programación sexa protagonizada en moitos actos por asociacións e colectivos locais.
A gran novidade deste ano é a primeira edición do concurso de DJ’s Salceda 36470dB. O concurso contará cunha fase previa na que as persoas interesadas en participar terán que enviar unha sesión gravada ata o 30 de xuño. As persoas escollidas finalistas actuarán na fase final, que se desenvolverá na Praza do Concello o xoves 16 de xullo.
A programación infantil terá un lugar destacado con diversas actividades centradas no público máis pequeno. Así, o grupo de participación infanto xuvenil DNI (Departamento de Novas Ideas) participou activamente na programación cultural, escollendo as accións que se desenvolverán no tradicional día da Infancia.
Salceda aposta un ano máis pola programación local, dándolle o protagonismo ás diferentes asociacións do municipio. Así, por exemplo, o baile moderno chegará da man das asociacións de Soutelo, Parderrubias e San Xurxo, e o baile tradicional correrá a cargo dos grupos folclóricos locais.
A música tamén terá un lugar destacado, nun ano moi especial no que a Banda Cultural de Salceda chega ao seu 40 aniversario, coa celebración do XXXIII Festival de Bandas de música, que este ano contará cun man a man entre a Banda Cultural de Salceda e a Banda Veterana de Salceda, unha agrupación xurdida hai dous anos e formada por antigos compoñentes da Banda.
Tampouco podían fallar as citas imprescindibles, como son o desfile da Agrupación Gaiteira de Salceda e o estourazo o sábado 18 ou o acto cívico de nomeamento de salcedenses distinguidos/as o propio domingo 19. A programación das Festas do Cristo complétase coas actuacións da Orquestra Saudade, do grupo A Banda da Loba, Verónica Romero (concursante de OT) e o Combo Dominicano.
Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura, aproveitou para convidar á veciñanza a achegarse a gozar dos diferentes actos e das noites de verán en Salceda, agradecendo o bo traballo que realizan os diferentes colectivos, o voluntariado, o persoal municipal e todas as persoas que fan as festas posible.

