O furancho do Pazo María & Conrado fíxose co galardón desta primeira edición do certame, que o alcalde Manu Lourenzo sinalou que “chega para quedar grazas ao traballo e esforzo dos colleiteiros e colleiteiras do noso concello e a colaboración entra as institucións e as e os pequenos produtores”.
Éxito total na primeira edición do Encontro do Viño Colleiteiro de Soutomaior, despois de que o certame reunise a máis de mil persoas entre o sábado e o domingo no campo da Festa de San Benito, en Romariz. Unha afluencia que superou todas as previsións de Goberno local e colleiteiros e que puxo de manifesto que o Encontro, moi demandado durante décadas pola veciñanza, “chegou para quedar”, en palabras do alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo.
Unha primeira edición na que o furancho do Pazo María & Conrado fíxose co galardón ‘Colleiteiro distinguido Soutomaior 2025’, obtido tras unha cata a cegas cun xurado profesional composto por Dominique Roujou de Boubée, asesor en viticultura e enoloxía; Juanjo Figueroa, Presidente da Asociación galega de Sumilleres (AGASU) e tamén de Mercedes González Rodríguez, Presidenta de Vitislucus- Expertos/as en Análise Sensorial e Enoturismo.
O público asistente desfrutou durante toda a fin de semana dos viños de todas as adegas participantes (ata 10), ademais de churrasco, polbo e ostras da zona gastro, ao tempo que polo escenario pasaban os grupos ‘Algo pasa con Mery’ e ‘Desconcerto’.
O alcalde Manu Lourenzo agradeceu “o traballo incansable dos colleiteiros e colleiteiras para permitir que este Encontro, que durante anos só era unha pretensión veciñal, se convertese nunha realidade. Esta é a mellor mostra de que a colaboración e o aliñamento entre o Goberno local e os pequenos produtores, e en xeral co tecido social de Soutomaior, é fundamental para que o noso concello creza e expanda os seus horizontes”.
Neste sentido, Manu Lourenzo sinalou que “esta primeira Edición do Encontro Viño Colleiteiro vai ser a primeira de moitas. No noso concello temos dous produtos gastronómicos dunha calidade excepcional: as ostras e o viño. O labor do Goberno de Soutomaior é potenciar e facer crecer estes dous produtos, xa que iso terá un impacto positivo a nivel económico e de crecemento para o noso concello. Este primeiro Encontro do Viño Colleiteiro de Soutomaior é a proba diso e imos seguir traballando neste sentido”.