O alumnado pecha o curso representando ‘Os Papalagui’, unha obra que convida a rir e reflexionar sobre a forma de vivir
Este venres 27 de xuño ás 20.30 h no auditorio municipal con entrada de balde
Que pensarían uns viaxeiros chegados dende o outro lado do mundo dos nosos costumes, da nosa cultura e do noso xeito de vivir? A Escola Municipal de Teatro do Rosal pon sobre a mesa esta provocadora pregunta co seu novo espectáculo de fin de curso, ’Os Papalagui’, unha proposta coa que subirán ao escenario do auditorio municipal este venres 27 de xuño ás 20.30 horas.
A obra está inspirada no libro do mesmo nome, unha colección de discursos escritos polo xefe dunha tribo de Samoa, no Pacífico Sur. Trátanse de doce micromonólogos humorísticos e cargados de crítica social a través dos que un grupo de samoanos regresa á súa illa tras visitar Galicia e, especialmente, o Baixo Miño.
“É unha proposta divertida, orixinal e intelixente, que resume o traballo de todo o ano da nosa Escola Municipal de Teatro”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quen anima á veciñanza a achegarse ao auditorio para “gozar dunha función chea de talento local e, ao mesmo tempo, facerse preguntas sobre como vivimos, que valoramos e que poderiamos cambiar. A cultura tamén serve para iso: para mirar, rirnos de nós mesmos e abrir debate”.
Estes micromonólogos serán narrados mediante diversas técnicas teatrais en ton humorístico derivados das materias impartidas este ano na Escola Municipal de Teatro do Rosal. Baixo a dirección de A Artística Teatro e Danza con Alfredo Rodríguez á fronte, a obra pecha o terceiro curso dunha escola que xa é referente na formación teatral da comarca, apostando por un enfoque creativo, participativo e comprometido coa realidade social.
Entrada libre ata completar aforo.