Mondariz converterase o vindeiro 6 de marzo de 2027 nun dos grandes referentes do trail running a nivel nacional coa celebración do Trail Orixes Mondariz, que acollerá o Campionato de España de Ultra, tanto na modalidade individual como por seleccións autonómicas, así como a primeira proba da Copa de España, ambas as dúas competicións oficiais da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (FEDME).
Esta designación supón un fito para o deporte galego, xa que será a primeira vez que Galicia acolla un Campionato de España de Ultra. Unha cita que situará Mondariz e a súa contorna no calendario das grandes competicións nacionais de carreiras por montaña e que atraerá ata a comarca algúns dos mellores especialistas desta disciplina.
A proba raíña contará cun esixente percorrido de 63 quilómetros e 3.540 metros de desnivel positivo, que porá a proba a resistencia e a preparación dos participantes. O trazado discorrerá polos concellos de Mondariz, Covelo e Fornelos de Montes, atravesando diferentes espazos naturais e ofrecendo aos corredores a oportunidade de descubrir a riqueza paisaxística e o patrimonio natural deste territorio.
Máis alá da súa dimensión deportiva, o Trail Orixes Mondariz aspira a converterse nun importante motor de dinamización económica e turística para a zona. A chegada de corredores, seleccións autonómicas, equipos técnicos, acompañantes e afeccionados procedentes de distintos puntos de España “suporá un importante movemento de visitantes, con repercusión directa en sectores como a hostalaría, o aloxamento, o comercio e os servizos” asegura o alcalde de Mondariz, Pablo Barcia.
A organización corre a cargo da Asociación Deportiva Mondariz, en colaboración co Concello de Mondariz, que traballan conxuntamente para facer posible esta competición e converter a xornada nunha celebración do deporte, da natureza e da promoción do territorio.

