A Xunta comparte o modelo público de xestión e acollida do Camiño de Santiago co gobernador da prefectura xaponesa de Wakayama

Redacción

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañou hoxe o Gobernador da prefectura xaponesa de Wakayama e os membros da súa delegación nunha visita ao Centro Internacional de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela, onde coñeceron de primeira man o modelo público de atención aos peregrinos de Galicia. O encontro enmárcase nas relacións de cooperación entre ambos países, unidos pola tradición das peregrinacións e polos valores culturais e espirituais que representan os seus principais itinerarios: o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo, ambos recoñecidos como Patrimonio Mundial pola UNESCO.

Durante a visita, Xosé Merelles amosou á delegación xaponesa o funcionamento do sistema público galego de xestión do Camiño de Santiago, así como os recursos e servizos habilitados para garantir a atención e a acollida das persoas peregrinas. Ademais, os representantes de Wakayama puideron percorrer as instalacións do centro e coñecer o procedemento de acreditación e entrega da Compostela, certificado que recoñece a realización da peregrinación a Santiago.

Comparte este artigo