O Concello de Mos organiza este sábado, 28 de xuño, ás 11:00 horas a Festa da Bici, unha xornada pensada para o goce de toda a familia no marco da saída de La Vuelta Ciclista a España desde Mos, que terá lugar o próximo 9 de setembro. Este evento conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, ademais das diferentes entidades deportivas locais.
A actividade central será unha ruta en bicicleta polas rúas do polígono industrial, con chegada ao Campo de Fútbol das Baloutas, onde terá lugar unha completa proposta de lecer e convivencia: inchables, obradoiros, animación infantil e unha gran aperitivo para completar a velada.
A xornada será tamén una gran oportunidade para homenaxear aos clubs deportivos de fútbol locais que acadaron fitos destacados nesta tempada, como ascensos ou títulos nas súas respectivas categorías, recoñecendo así o seu esforzo e dedicación.
As inscricións poden realizarse nos seguintes puntos:
Concello de Mos
UD Mos
Club Louro de Tameiga
Piscina Municipal
Club Santiaguiño
Ademais, os menores de ata 14 anos recibirán unha camiseta de agasallo coa inscrición, ata completar as 500 unidades dispoñibles.
A Festa da Bici enmárcase dentro das accións organizadas polo Concello de Mos con motivo da saída de La Vuelta 2025, apostando polo deporte, a mobilidade sostible e o espírito de comunidade.