O Concello de Mos volverá formar parte esta fin de semana dunha das citas máis destacadas do calendario automobilístico galego coa celebración do XXII Rallye Sur do Condado – Grupo Memorial, proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Rallyes.
O sábado 11 de xullo, o municipio acollerá o tramo cronometrado “País Automoción”, que se disputará en dúas ocasións. A primeira pasada está prevista para as 17:41 horas, mentres que a segunda e definitiva terá lugar ás 20:48 horas, nun momento clave da competición que pode resultar determinante para a clasificación final.
Entre ámbalas dúas pasadas, os equipos participantes realizarán un reagrupamento na Avenida de Sanguiñeda, fronte ao supermercado Eroski, onde permanecerán antes de afrontar o derradeiro bucle do rally.
Dende o Concello de Mos destacan “a importancia de que Mos continúe formando parte dunha proba de referencia no automobilismo galego, que cada ano reúne a milleiros de afeccionados e contribúe tamén á promoción e dinamización do municipio”.
O Concello fai un chamamento á responsabilidade de tódalas persoas asistentes para que sigan en todo momento as indicacións da organización, da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil, situándose unicamente nas zonas habilitadas para o público e respectando as medidas de seguridade establecidas.
A celebración deste tramo e do reagrupamento converterán Mos nun dos puntos de maior atractivo da xornada, ofrecendo aos afeccionados a oportunidade de vivir de preto a emoción dunha competición que volverá reunir aos mellores equipos do automobilismo galego.

