Mos dá a coñecer o talento feminino galego coa chegada da exposición ‘Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño’

Redacción

A alcaldesa, Nidia Arévalo, participou esta mañá na inauguración da mostra, que permanecerá no Pazo de Mos ata o 4 de outubro

O Pazo de Mos acolle desde hoxe a exposición itinerante ‘Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño’, unha iniciativa que percorre dez concellos da provincia de Pontevedra vinculados ao Camiño Portugués e ao Camiño Portugués pola Costa para visibilizar as traxectorias de mulleres galegas referentes en diferentes ámbitos da sociedade.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, participou esta mañá, no acto de inauguración da exposición, que poderá visitarse no Pazo de Mos ata o 4 de outubro. A actividade está organizada por FEMUPO (Federación de Mulleres de Pontevedra) coa colaboración das concellerías de Igualdade e Cultura do Concello de Mos e do Centro de Información á Muller (CIM).

Baixo o lema ‘Porque cada paso que damos xuntas constrúe un camiño máis igualitario’, o proxecto toma como punto de partida as historias das mulleres recoñecidas nas cinco edicións dos Premios Mulleres FEMUPO, celebradas entre 2022 e 2026.

A proposta combina unha exposición itinerante con talleres participativos e contidos dixitais, aos que se poderá acceder mediante códigos QR, para coñecer as experiencias persoais e profesionais das mulleres protagonistas. Ao longo do percorrido polos dez concellos están previstos un total de vinte talleres, adaptados aos diferentes grupos e realidades de cada territorio.

Durante a inauguración, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou o valor de achegar estas experiencias á veciñanza: “É importante que as novas xeracións teñan preto referentes femininos de diferentes ámbitos e poidan coñecer as súas historias, as dificultades que atoparon e tamén o camiño que percorreron para chegar ata onde están hoxe”.

Arévalo sinalou tamén a relación entre a iniciativa e a propia realidade de Mos como municipio atravesado polo Camiño Portugués: “En Mos sabemos ben o que significa facer camiño. O noso municipio forma parte dunha ruta que cada ano percorren milleiros de persoas e esta exposición permítenos establecer esa conexión entre o Camiño e as mulleres que, desde diferentes ámbitos, foron abrindo o seu propio camiño”.

A chegada desta exposición a Mos ten, ademais, un significado especial, xa que o Centro de Información á Muller (CIM) de Mos foi recoñecido nos Premios Mulleres FEMUPO como entidade que traballa na construción dunha sociedade máis igualitaria. “Para nós é unha satisfacción que o CIM de Mos forme parte tamén desta historia. Este recoñecemento pon en valor o traballo que se realiza desde o Concello e, neste caso concreto, desde o CIM, acompañando ás mulleres, promovendo a igualdade e traballando cada día para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria”, sinalou a alcaldesa.

A rexedora municipal puxo o foco tamén na importancia de recoñecer o talento existente na propia contorna: “Non queremos que as referentes sexan sempre persoas afastadas. En cada concello hai mulleres con historias, proxectos e traxectorias que merecen ser coñecidas e recoñecidas. Esa mirada cara ao que temos máis preto tamén forma parte desta iniciativa”.

En Mos, a programación busca achegar estas experiencias á veciñanza e abrir un espazo de reflexión sobre a igualdade de oportunidades, a participación das mulleres, o liderado e a superación de estereotipos. Unha parte dos talleres estará dedicada tamén a identificar mulleres referentes da propia contorna, co obxectivo de poñer en valor o talento feminino existente no municipio.

As protagonistas do proxecto proceden de ámbitos diversos como a cultura, o deporte, a empresa, a administración pública e o asociacionismo. Algunhas das mulleres premiadas participarán directamente nas actividades dos distintos concellos para compartir coa cidadanía as súas experiencias e traxectorias.

A iniciativa establece un paralelismo entre estas historias e os valores asociados ao Camiño de Santiago, como o esforzo, a superación, a convivencia, a diversidade, a hospitalidade e o respecto polo territorio. O concepto de ‘facer camiño’ serve así para falar das mulleres que desenvolveron as súas propias traxectorias e contribuíron a abrir novas posibilidades para outras xeracións.

O proxecto está impulsado no marco do Xacobeo 2027 e conecta os dous itinerarios xacobeos da provincia —o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa— a través dunha programación cultural, educativa e social que se desenvolverá en dez concellos.

A exposición permanecerá no Pazo de Mos ata o 4 de outubro. Para a alcaldesa, “esta semana é unha oportunidade para achegarnos a estas historias, compartir experiencias e seguir falando de igualdade desde a cultura, a educación e a participación da cidadanía”.

Comparte este artigo