Mos dá conta da Liquidación do ano pasado cun resultado orzamentario positivo en preto de 700.000 euros

adminON
Lectura mínima de 3

O Concello recadou máis do que gastou e reduciu en moito a súa porcentaxe de endebedamento, que se atopa no 23%, moi lonxe da máxima legalmente establecida que ascende a 110%

O Concello de Mos ten aprobada a Liquidación do Orzamento municipal do ano 2023, da que a alcaldesa, Nidia Arévalo, dará conta con vindeiro Pleno Ordinario a celebrar o día 5 de agosto.

Trátase dunha Liquidación con informe favorable de Intervención e resultado orzamentario positivo en preto de 700.000 euros, o que significa que as arcas municipais ingresaron esa cantidade máis da que se gastou. Neste senso Arévalo, rexedora local mosense, declarou que “desde o goberno local estamos a facer unha xestión económica eficaz e eficiente, responsable e con orzamentos realistas sen inflar os ingresos; o que revirte en resultados positivos coma o logrado na Liquidación do ano pasado”, expresou.

No informe de Intervención destácase a este respecto que o resultado orzamentario é positivo, o que supón que os ingresos do exercicio 2023 foron maiores que os gastos en 688.356,76 euros. O que quere dicir que os ingresos orzamentarios foron suficientes (e incluso superiores) para cubrir os gastos orzamentarios. E é que os impostos directos tiveron un grao de execución do 102,20%, os indirectos (sobre construcións, instalacións e obras), tiveron unha porcentaxe de execución do 124,47% e en taxas e outros ingresos a porcentaxe de execución foi do 108,19%.

Tamén salienta o aforro neto positivo, e o baixo nivel de endebedamento, cunha porcentaxe do 23,35%, moi por debaixo do límite do 110% que establece a Lei.

E aínda que a cifra do remanente de Tesourería é negativa, o dato derívase en parte da desviación producida por un importante desfase consecuencia do non ingreso no exercicio de fondos procedentes de subvencións, cuxos gastos tivo que asumir o Concello con fondos propios porque eran de obrigada execución dentro do referido exercicio, co cal houbo que adiantar un montante económico de magnitude considerable, que foi devolto e ingresado posteriormente, durante o presente ano 2024. Sen embargo, e a pesar delo, procederase a aprobar polo Pleno a adopción de medidas para reducir ao máximo ese remanente de Tesourería negativo. Trataranse de medidas de contención de gasto, planificación e control, e seguemento e fiscalización.

Por último a alcaldesa Nidia Arévalo puxo en valor nesta liña os importantes esforzos económios realizados polo Concello de Mos en materia de gastos. Así, a administración local mosense inviste anualmente 5 millóns de euros en gastos de Persoal, 5,4 millóns de euros en gastos correntes, e 3,7 millóns de euros en investimentos (que sopoñen que se atopa executado o 85% dos mesmos).

Comparte este artigo