Mos dá conta en Pleno do resultado positivo da Liquidación do Orzamento do ano pasado

adminON
Lectura mínima de 4

Ademais da Liquidación leváronse á sesión plenaria ordinaria diversos outros puntos na orde do día como os festivos locais do vindeiro ano 2025 que foron aprobados por maioría, e a modificación do anexo de subvencións nominativas do Orzamentode 2024 que foi aprobada por unanimidade

Hoxe deuse conta no Pleno do Concello de Mos da Liquidación do Orzamento municipal do ano 2023. Trátase dunha Liquidación con informe favorable de Intervención e resultado orzamentario positivo en preto de 700.000 euros, o que significa que as arcas municipais ingresaron esa cantidade máis da que se gastou.

Ademais da Liquidación leváronse á sesión plenaria ordinaria diversos outros puntos na orde do día. Entre eles sendas mocións do BNG e PSOE que foron desestimadas por maioría, os festivos locais do vindeiro ano 2025 (mantéñense os habituais: 13 de xuño, Festa da Rosa, e 7 de agosto o Patrono Local San Mamede) que foron aprobados por maioría, e a modificación do anexo de subvencións nominativas do Orzamentode 2024 que foi aprobada por unanimidade.

Sobre a Liquidación do Orzamento municipal do ano 2023, Nidia Arévalo, rexedora local mosense, declarou que “desde o goberno local estamos a facer unha xestión económica eficaz e eficiente, responsable e con orzamentos realistas sen inflar os ingresos; o que revirte en resultados positivos coma o logrado na Liquidación do ano pasado”, expresou.

No informe de Intervención destácase a este respecto que o resultado orzamentario é positivo, o que supón que os ingresos do exercicio 2023 foron maiores que os gastos en 688.356,76 euros. O que quere dicir que os ingresos orzamentarios foron suficientes (e incluso superiores) para cubrir os gastos orzamentarios. E é que os impostos directos tiveron un grao de execución do 102,20%, os indirectos (sobre construcións, instalacións e obras), tiveron unha porcentaxe de execución do 124,47% e en taxas e outros ingresos a porcentaxe de execución foi do 108,19%.

Tamén salienta o aforro neto positivo, e o baixo nivel de endebedamento, cunha porcentaxe do 23,35%, moi por debaixo do límite do 110% que establece a Lei.

E aínda que a cifra do remanente de Tesourería é negativa, o dato derívase en parte da desviación producida por un importante desfase consecuencia do non ingreso no exercicio de fondos procedentes de subvencións, cuxos gastos tivo que asumir o Concello con fondos propios porque eran de obrigada execución dentro do referido exercicio, co cal houbo que adiantar un montante económico de magnitude considerable, que foi devolto e ingresado posteriormente, durante o presente ano 2024. Sen embargo, e a pesar delo, procederase a aprobar polo Pleno a adopción de medidas para reducir ao máximo ese remanente de Tesourería negativo. Trataranse de medidas de contención de gasto, planificación e control, e seguemento e fiscalización.

Por último a alcaldesa Nidia Arévalo puxo en valor nesta liña os importantes esforzos económios realizados polo Concello de Mos en materia de gastos. Así, a administración local mosense inviste anualmente 5 millóns de euros en gastos de Persoal, 5,4 millóns de euros en gastos correntes, e 3,7 millóns de euros en investimentos (que sopoñen que se atopa executado o 85% dos mesmos).

Comparte este artigo