A pandeireteira e compiladora da tradición oral galega Leni Pérez será a galardoada este ano nos Premios Mestre Machiño
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, participou onte na presentación da XI edición do Festival O Son do Pazo, unha cita organizada polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, xa consolidada dentro do calendario cultural galego que volverá converter a contorna do Pazo de Mos nun punto de encontro para a música, a tradición e a convivencia os días 29 e 30 de agosto..
O festival contará cunha programación diversa e aberta a todos os públicos na que participarán a Banda de Gaitas Airiños do Castelo, anfitrioa do evento; De Ninghures, cabeza de cartel deste ano; Comando Curuxás, Faltriqueira, Ikusgarri Euskal Dantzak Taldea, Tres Pesos, Brais das Hortas e Nosa Terra de Pereiras, encargada do pasarrúas.
A programación completarase coa celebración das IV Olimpíadas Rurais OSDP, un obradoiro de baile aberto impartido por Adrián Méndez (integrante de De Ninghures), mercado de artesanía, actividades infantís, exposicións e unha sesión vermú pensada para o goce de todas as xeracións.
Durante o festival celebrarase unha nova edición dos Premios Mestre Machiño, que este ano estarán dedicados a Leni Pérez, pandeireteira e compiladora da tradición oral galega. Ao longo da súa traxectoria formou parte de agrupacións como Xirandela, Cantigas e Agarimos ou Leilía, contribuíndo á difusión do canto e da pandeireta tanto nos escenarios como no labor de transmisión ás novas xeracións. Actualmente, compaxina o seu labor docente con distintos proxectos musicais como Leni Pérez & Roberto Comesaña ou Leni Pérez e SeKadra.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo indicou que O Son do Pazo “é unha mostra do compromiso de Mos coa cultura tradicional, coa participación cidadá e coa conservación dun patrimonio que forma parte da nosa identidade colectiva”.
Na presentación, a alcadesa, na que estivo acompañada polo secretario xeral da Lingua da Xunta, Valentín García; e polo deputado provincial Jorge Cubela; destacou o labor desenvolvido polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, pola Banda de Gaitas Airiños do Castelo, pola comisión organizadora, polas persoas voluntarias e polas entidades colaboradoras que fan posible unha cita que medra edición tras edición.
A XI edición do Festival O Son do Pazo reafirma así a súa aposta pola música de raíz, pola convivencia e pola difusión da cultura galega, consolidándose como unha das citas culturais máis destacadas do verán no municipio.
PROGRAMA COMPLETO DO FESTIVAL
SÁBADO 29 DE AGOSTO
• IV Olimpíadas Rurais
• Pasarrúas a cargo de Nosa Terra de Pereiras
Concertos no escenario principal:
ü Airiños do Castelo (Mos)
ü Ikusgarri Dantza Taldea (Portugalete, Biscaia)
ü Comando Curuxás
ü Faltriqueira
ü De Ninghures (cabeza de cartel)
DOMINGO 30 DE AGOSTO (sesión vermú)
• Animación infantil con Brais das Hortas
• Obradoiro de baile tradicional con Adrián Méndez (De Ninghures)
• Tres Pesos

