Mos impulsa o Obradoiro Dual de Emprego “Queda en Mos IV” cun investimento da Xunta de máis de 524.000 euros

Redacción

O Concello de Mos vén de poñer en marcha unha nova edición do Obradoiro Dual de Emprego “Queda en Mos IV”, un programa de formación e emprego subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia cun investimento de 524.052 euros.

A iniciativa permitirá a contratación de 24 persoas durante nove meses, das que 20 son alumnos-traballadores e 4 forman parte do equipo técnico encargado da dirección, titorización e formación do proxecto.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “esta importante achega da Xunta de Galicia permítenos seguir xerando oportunidades de formación e emprego para a nosa veciñanza, ao tempo que desenvolvemos actuacións que contribúen á mellora dos servizos e espazos públicos do municipio”. Na presentación do programa tamén estivo presente a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e José Antonio Rodríguez Fachado, director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra.

O programa desenvolverase entre o 16 de xuño de 2026 e o 15 de marzo de 2027 e combina a formación profesional coa realización de traballos de utilidade pública e interese social.

Os participantes formaranse nas especialidades de Desenvolvemento de Produtos Audiovisuais Multimedia Interactivos e Traballos de Carpintería e Moble – Instalación de Elementos de Carpintería.

Na área audiovisual levarán a cabo accións vinculadas á promoción do municipio, á dinamización económica e á organización de iniciativas como as mostras “Formamos” e “Activamos-T”, o encontro do comercio local “Queda en Mos” e outras actividades de divulgación dos recursos patrimoniais, culturais e turísticos de Mos.

Pola súa banda, o alumnado da especialidade de carpintería realizará traballos de fabricación e instalación de mobiliario para dependencias municipais, centros educativos, feiras e eventos, ademais da dotación de elementos para parques e espazos públicos.

“Falamos dun programa que ten un impacto moi positivo porque une formación, experiencia laboral e servizo á comunidade. Os participantes adquiren coñecementos e competencias profesionais mentres realizan actuacións que deixan unha pegada útil e visible para toda a cidadanía”, sinalou Arévalo.

A rexedora agradeceu o respaldo da Xunta de Galicia e subliñou que “seguir investindo en emprego e cualificación profesional é investir no futuro de Mos e nas oportunidades da nosa xente”.

Comparte este artigo