A esta mellora súmanse dúas novas expedicións diarias da liña XG883079 Tui–O Porriño–Vigo
As xestións municipais coa Xefatura Territorial de Mobilidade de Pontevedra permiten incorporar a parada en Rexenxo do seu servizo de transporte público diario. A esta mellora súmanse tamén dúas novas expedicións diarias da liña XG883079 Tui–O Porriño–Vigo.
Estas melloras son froito das xestións realizadas polo Concello de Mos ante a Xefatura Territorial de Mobilidade de Pontevedra, nunha reunión na que se trasladou a necesidade de ampliar os servizos con parada en Rexenxo e facilitar así o acceso ao transporte público á veciñanza desta zona.
Como resultado destas xestións, as expedicións afectadas incorporan agora esta parada nos dous sentidos do percorrido, ampliando as posibilidades de desprazamento e as alternativas de conexión coas localidades da contorna.
Dúas novas expedicións diarias
A esta mellora súmase a incorporación de dúas novas expedicións diarias da liña XG883079 Tui–O Porriño–Vigo E.I., operada por Lugove, que comezaron a funcionar esta semana.
Os novos servizos, de luns a venres laborables e durante o período lectivo da Universidade de Vigo, teñen saída desde a estación intermodal de Vigo ás 7.00 e ás 15.30 horas.
No seu percorrido realizan parada en Puxeiros ás 7.19 e ás 15.49 horas, e en Rexenxo ás 7.27 e ás 15.57 horas, respectivamente.
Deste xeito, estas dúas novas expedicións súmanse ao amplo número de frecuencias de Lugove que xa operan no municipio, sumando así un total de quince frecuencias de ida dende O Porriño, e de volta, dende Vigo, todas elas con paradas de luns a venres en Puxeiros e Rexenxo; cunha frecuencia diferente na fin de semana.
Consulta de horarios
O Concello publicará os horarios das expedicións de Lugove e Monbus nas paradas correspondentes e na páxina web municipal, facilitando a consulta dos horarios e percorridos.
As persoas usuarias tamén poden consultar a información a través dos seguintes recursos oficiais:
- Portal de Transporte Público de Galicia: https://www.bus.gal/gl
- Plataforma MoBT: https://mobt.xunta.gal/gl/
- Aplicación móbil MoBT, para consultar os servizos e horarios do transporte público.
O Concello de Mos continuará trasladando á Administración autonómica as demandas de mobilidade da veciñanza e realizando un seguimento dos servizos para avanzar na mellora das conexións de transporte público nas distintas parroquias do municipio.

