– Trátase dun documento singular e insólito en municipios de 15.000 habitantes como o mosense
– O tecido asociativo cultural de Mos é vastísimo, cun total de 93 asociacións e grupos, que supoñen unha media de 9 por cada unha das dez parroquias
– O Concello sustenta o plan en 8 pilares entre os que se atopan a Festa da Rosa, o Camiño de Santiago, a Asociación Galega Residentes de Mos en Bos Aires e os activos humanos e patrimoniais da localidade (nos que se quere por en valor aos profesionais do sector da cultura e o enorme patrimonio histórico, arquitectónico, entnográfico e arqueolóxico mosense)
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto coa concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, e o docente de marketing do Obradoiro de Emprego Queda en Mos II, Darío Costas Rodal, realizaron no Multiusos das Pozas a presentación do Plan Estratéxico de Cultura de Mos 2025/2028 ante unha nutrida representación do tecido asociativo cultural mosense. O tecido asociativo cultural de Mos é vastísimo, cun total de 93 asociacións e grupos, que supoñen unha media de 9 por cada unha das dez parroquias.
As representantes municipais, a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, e a edil de Cultura, Sara Cebreiro, informaron sobre o documento que “terá unha vixencia de 4 anos e a súa redacción foi contratada a unha empresa especializada en programación cultural”. “Trátase do primeiro Plan Estratéxico de Cultura de Mos e dunha iniciativa pioneira en Galicia, pois non temos constacia de concellos galegos de 15.000 habitantes que conten cun Plan Municipal de Cultura”, explicaron Arévalo e Cebreiro, quenes tamén apuntaron que “se trata dun documento vivo no que recollemos a opinión das asociacións mediante enquisa anónima”.
Durante a reunión de onte entre asociacións e goberno local, estableceuse un debate moi enriquecedor durante o que tamén se recolleron suxerencias aportadas polos asistentes na xuntanza, que se incluirán no documento, tales como a necesidade dunha liña de axudas para o mantemento e mellora dos locais culturais mosenses, na que se traballará de cara a súa posta en marcha.
O Plan Estratéxico de Cultura de Mos 2025/2028 está fundamentado e estructurado en 8 pilares básicos: aumentar a promoción da cultura e identidade local asociadas á Festa da Rosa, fomentar a profesionalidade, visibilidade, mobilidade e difusión dos profesionais das artes escénicas e a música, aproveitamento dos espazos de cultura do concello de mos como punto de creación, encontro e participación da cidadanía; participación e colaboración da administración pública e os diferentes colectivos en actividades transversais, aumentar a promoción da cultura relacionada co Camiño de Santiago, fortalecemento da produción local das artes escénicas e mellora de espazos para o seu Desenvolvemento; protección, promoción, rehabilitación, difusión e actividades de exposición e museísticas do patrimonio cultural e arqueolóxico; e fortalecemento das relacións institucionais coa emigración galega fundamentalmente a través da coñecida como undécima parroquia mosense: a Asociación Galega de Residentes de Mos en Bos Aires. O documento inclúe, en cada un dos 8 bloques, as pautas a realizar durante os 4 anos de vixencia e unha análise Dafo (debilidades-amenazas-fortalezas-oportunidades) no ámbito cultural mosense. Alcaldesa e concelleira de Cultura concluíron que “os 3 aspectos e ou obxectivos máis importantes do Plan Estratéxico son fortalecer aínda máis o Plan Cultural e crear unha liña nova do devandito Plan Cultural para apoiar aos grupos na mobilidade e desprazamentos para actuacións dentro e fóra de Galicia, así como a creación de medidas para evitar o solapamento de actividades entre asociacións e Concello”.