O Concello de Mos, a través da Concellería de Participación Cidadá, celebrou, no marco das Festas da Rosa, un acto de entrega de diplomas ás asociacións participantes nos obradoiros desenvolvidos durante o programa municipal Tempo de Lecer do 2025.
Este programa, consolidado xa como unha das iniciativas de participación cidadá máis demandadas do municipio, ten como obxectivo fomentar o asociacionismo, a formación ao longo da vida e a convivencia social a través dunha ampla oferta de actividades de lecer e aprendizaxe dirixidas á veciñanza maior de 14 anos.
No ano 2025 participaron 17 asociacións no programa, e realizáronse un total de 480 horas repartidos en 24 obradoiros nos que participaron un total de 300 persoas. Na presente edición participan 19 asociacións do municipio, que solicitaron un total de 720 horas formativas ao longo do ano en ámbitos tan diversos como a cociña, a actividade física, a artesanía, a memoria, as novas tecnoloxías, a música tradicional ou a agricultura ecolóxica, Durante este primeiro semestre participaron xa máis de 120 persoas nos distintos obradoiros programados, que se retomarán no mes de setembro.
O programa conta cun investimento municipal de 20.000 euros destinados a promover actividades formativas e de lecer que fortalecen a participación cidadá, a convivencia e o asociacionismo en todo o municipio.
As persoas participantes contribúen tamén ao desenvolvemento da iniciativa mediante unha achega de 30 euros por cada obradoiro de 20 horas de duración, unha fórmula que favorece o compromiso coa actividade e a continuidade dun programa que ano tras ano continúa medrando en participación e demanda.
O acto de entrega de diplomas pretende recoñecer o esforzo, a implicación e a constancia das persoas participantes, así como poñer en valor o papel fundamental que desempeñan as asociacións veciñais, culturais, de maiores e de mulleres rurais na dinamización social das distintas parroquias do municipio.
Durante o acto, as persoas asistentes puideron participar nunha charla divulgativa sobre o coidado dos rosais impartida por David Eyo, máis coñecido nas redes sociais como @_elhombredelbosque. Durante o encontro ofreceu consellos prácticos sobre o cultivo, a poda e o mantemento desta planta, compartindo coa veciñanza a súa experiencia e coñecementos nunha actividade que espertou un grande interese entre o público asistente.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “Tempo de Lecer é moito máis ca un programa formativo; é unha ferramenta para crear comunidade, fortalecer as relacións entre veciños e ofrecer oportunidades de aprendizaxe e participación en todo o territorio municipal”.
O programa Tempo de Lecer 2026 continuará despois do verán coa segunda fase de actividades, que se desenvolverá entre os meses de setembro e decembro nas distintas asociacións participantes.
Desde o Concello de Mos quérese agradecer a colaboración das asociacións participantes, do persoal docente e de todas as persoas que fan posible que esta iniciativa continúe medrando ano tras ano, converténdose nun referente da participación cidadá no municipio.

