Mos reforza a campaña “Stop Velutinas” co reparto de 200 quilos de azucre doados por ACOR

Redacción

O Concello de Mos continúa desenvolvendo unha nova edición da campaña “Stop Velutinas”, integrada no programa ambiental CoidaMos, co obxectivo de contribuír á prevención e ao control da avespa velutina durante os meses de maior actividade desta especie invasora.

Como parte desta iniciativa, o Concello iniciou o reparto de 200 quilos de azucre doados por terceiro ano pola cooperativa ACOR, destinados aos apicultores do municipio e ás persoas que soliciten trampas municipais. O azucre empregarase na elaboración do líquido atraente que se utiliza nas trampas para favorecer a captura de exemplares e reforzar así as tarefas de prevención. Esta colaboración entre o Concello e ACOR mantense dentro da campaña municipal desenvolvida nos últimos anos.

A campaña aposta, un ano máis, pola prevención, a información e a implicación da veciñanza como ferramentas fundamentais para reducir o impacto dunha especie invasora que afecta á biodiversidade, á actividade apícola e agrícola e que tamén pode supoñer un risco para a seguridade das persoas.

Desde o Concello lémbrase a importancia de non manipular nin destruír os niños, xa que a súa retirada debe ser realizada por persoal especializado. Así mesmo, recoméndase instalar trampas durante a época de maior actividade das raíñas fundadoras, reutilizar as trampas de campañas anteriores sempre que sexa posible e evitar o uso indiscriminado de insecticidas, co fin de protexer outras especies beneficiosas.

En caso de detectar un niño de avespa velutina, a veciñanza debe comunicalo a través do teléfono 012 da Xunta de Galicia ou contactar co Concello de Mos para activar o correspondente protocolo de actuación.

As persoas interesadas en participar na campaña poden solicitar trampas municipais chamando ao teléfono 986 097 037.

Coa continuidade desta iniciativa, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso coa protección do medio natural e coa colaboración cidadá para minimizar a presenza da avespa velutina no municipio mediante actuacións preventivas e coordinadas.

Comparte este artigo