O Concello celebra no Pazo de Mos un acto de agradecemento aos 80 voluntarios e voluntarias mosenses, cunha mención especial aos 6 que acudiron desprazados a Valencia para colaborar nos labores de axuda aos afectados pola Dana
Hoxe no Pazo de Mos, desde a concellería de Política Social mosense, organizouse un acto de homenaxe ao voluntariado de Mos coincidindo co Día Internacional das Persoas Voluntarias. No acto de recoñecemento ao voluntariado mosense estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o primeiro tenente de alcaldesa, Camilo Grandal, a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, o segundo tenente de alcaldesa e concelleiro de Emerxencias, Leo Costas, a edil de Emprego, Educación e Participación Cidadá, Julia Loureiro; e os tamén concelleiros do goberno local, Laura Méndez e Evaristo Ucha.
Tratouse dun acto de gratitude á gran rede, á cadea humana de voluntarios/as ao servizo da cidadanía que suman en Mos un total de 79 persoas. Unha elevada cifra pola que, segundo declarou a rexedora local, Nidia Arévalo, “Mos é un Concello afortunado”.
De estas case 80 persoas, 12 pertencen á asociación Mos Axuda (que naceu en 2015 e presta axuda a 80 familias mosenses beneficiarias), 6 ao Voluntariado Xuvenil, 6 ao Voluntariado Senior, 12 ao Voluntariado Interxeracional, 3 ao Voluntariado Dixital (para a loita contra a fenda dixital a través da Fundación Esplai), 13 son do Servizo Municipal de Emerxencias e GES de Mos, e 26 da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos (que cumpriu 30 anos de historia).
Durante o acto desta mañá fíxose tamén unha mención especial aos 6 voluntarios que acudiron desprazados a Valencia en apoio pola Dana dos cales 5 pertencen ao GES e Servizo de Emerxencias e Protección Civil de Mos e 1 á Policía Local de Mos. En representación deles falou no acto de hoxe o GES Carlos Costas Rodríguez, quen contou a experiencia alí vivida.
No tocante á axuda a Valencia lembrouse hoxe que Mos é un pobo solidario que enviou aos afectados pola Dana 3 trailers de axuda (alimentos, roupa e produtos de 1ª necesidade), 11 xeneradores de electricidade que seguen prestando servizo e 34 aparatos microondas novos. Por elo Arévalo, alcaldesa de Mos, quíxolle dar as “grazas tanto aos colaboradores particulares, como ás asociacións, empresas, e a AEMOS, que o fixeron posible”.
A rexedora mosense rematou asegurando que “Mos é un pobo entregado, solidario e sensible no que sempre hai unha man tendida para axudar a quen o necesita. A rede de colaboración veciñal é exemplar porque somos boa xente, somos Mos!”.

