O Concello de Nigrán e a Comisión de Festas de Parada recuperan este domingo a tradicional sardiñada de Montecastelo

adminON
Lectura mínima de 3

A romería, preámbulo das festas de Parada, non se celebraba desde hai máis dun lustro. O Concello estreará para a ocasión unha pasarela no cumio de Montecastelo con vistas panorámicas a todo o Val Miñor

O Concello de Nigrán e a Comisión de Festas de Parada recuperan este domingo 14 de xullo a tradicional sardiñada de Montecastelo, evento que non se celebraba desde hai máis dun lustro e que é o preámbulo das festas da parroquia de Santiago e Santa Ana, do 21 ao 26 de xullo. A ocasión servirá tamén para estrear a pasarela habilitada polo Concello no cumio de Montecastelo, un balcón con espectaculares vistas panorámicas cara todo o Val Miñor. O grupo de música tradicional ‘Os alegres do Val Miñor’ porá o toque festivo a toda a xornada.

“Trátase dunha romería de toda a vida onde se reúne a parroquia en grupos de amigos ou familia para comer sardiñas e compartir a mesa, por iso nos parecía importante recuperar esta tradición onde a confraternidade é a seña de identidade”, explica o alcalde, Juan González. Así, o Concello achegará 250 kg de sardiñas que se porán a asar a partires das 10:00 da mañá e, a maiores, os asistentes poderán degustar churrasco, empanada, pan de millo ou chouripán, ademais de beber viño e refrescos. Todo o recadado será para a Comisión de Festas, quen se fará cargo da elaboración e venda dos alimentos.

A continuación, do domingo 21 ao venres 26 de xullo, a parroquia de Parada celebrará a festa de Santiago e Santa Ana. Así, o domingo 21 o grupo Airiños de Couso fará un percorrido pola parroquia, o mércores 24 a partir das 21:00 horas será a festa da Xuventude; o xoves 25 a Misa Solemne acompañada da Banda Xuvenil de Xinzo con posterior concerto e ás 22:00 verbena con La Conexión e Cuarteto M-5; finalmente, o venres 26 ás 12:00 horas a Misa e o concerto serán a cargo da Banda Musical Val Miñor coa actuación ás 22:00 horas de Grupo Alcázar e Trío Arena.

Comparte este artigo