A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto coa concelleira de Deportes, Felisa Rodríguez, visitaron as obras de mellora que se están a realizar no Complexo Deportivo Óscar Pereiro, co obxectivo de supervisar o avance dos traballos.
A actuación, cun orzamento de 169.878,87 €, está financiada grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra no marco do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, e permitirá modernizar unhas instalacións polideportivas municipais que empregan a diario máis de 400 persoas.
Na piscina cuberta realizouse a renovación integral da cuberta do inmoble, substituíndo paneis e ancoraxes deteriorados para evitar filtracións de auga, ademais de traballos de selado e acondicionamento nos vestiarios anexos.
No pavillón polideportivo acometeuse a reforma integral da pista deportiva, que incluíu o pulido e repintado do chan, mellorando así a súa seguridade, estética e funcionalidade. Tamén se levaron a cabo actuacións de renovación nos pavimentos de tránsito, nas bancadas e nas escaleiras de acceso, ademais da mellora do ximnasio municipal, dotándoo de condicións máis adecuadas para o adestramento dos usuarios.
A previsión é que a piscina cuberta municipal e o conxunto das instalacións remodeladas estean operativas o vindeiro 16 de setembro, coincidindo co inicio da tempada deportiva, ofrecendo á veciñanza unhas infraestruturas máis cómodas, modernas e seguras.
Durante a visita, a alcaldesa destacou que “este proxecto responde ao compromiso do Goberno local coa mellora continua das infraestruturas deportivas de Mos, que son referencia para centos de usuarios e familias”.