MosAxuda fai un balance positivo da súa participación na Festa da Rosa

Redacción

A Asociación Solidaria MosAxuda participou nas actividades organizadas con motivo da 53ª edición da Festa da Rosa, contribuíndo á vertente solidaria dos distintos eventos celebrados no Pazo de Mos.

Durante a fin de semana do 13 e 14 de xuño, coincidindo coa celebración da Festa da Rosa, a Festa da Empanada de Pan de Millo e a I Feira do Viño Rosado, a entidade instalou un mercado solidario no que se puxeron á venda libros de segunda man e bolsas de tea solidarias, ademais de realizar o sorteo dunha casa de bonecas. Toda a recadación obtida destinarase á compra de alimentos para apoiar ás familias con maiores dificultades do municipio.

A colaboración solidaria continuou os días 20 e 21 de xuño, coincidindo co VI Concurso de Deseñadores DesfilaMos e coa XVIII Xuntanza de Palilleiras, organizados pola Asociación de Palilleiras de Mos dentro da programación da Festa da Rosa. Nesta ocasión promoveuse unha recollida solidaria de alimentos, solicitando a achega dun quilo de alimentos por parte das persoas asistentes e participantes.

Grazas á implicación da veciñanza e das entidades colaboradoras, durante ambas xornadas reuníronse 243 produtos alimentarios, que serán distribuídos entre as familias máis vulnerables do concello a través da Asociación Solidaria MosAxuda.

Desde MosAxuda quérese expresar un sincero agradecemento á Asociación de Hostaleiros BaResMos e á Asociación de Palilleiras de Mos pola súa colaboración e compromiso, así como a tódalas persoas que participaron nas diferentes iniciativas solidarias. A súa implicación volve demostrar que a solidariedade é un dos grandes sinais de identidade do municipio de Mos.

Comparte este artigo