Ana Serra García, de Medialúa, impartirá a continuación do taller de coiro realizado nos obradoiros o pasado outono
Será o sábado 7 de xuño ás 10.00 h na nave do obradoiro da Mata, con prazas limitadas e inscrición previa
Traballar coas mans, crear algo único, conectar con oficios tradicionais e impulsar a creatividade. Iso é o que propoñen os Obradoiros de Primavera postos en marcha polo Concello do Rosal, que continúan no mes de xuño cunha nova actividade pensada para achegarse aos saberes artesáns.
O segundo taller estará centrado no traballo de artesanía con coiro, a segunda parte dun obradoiro xa celebrado con moito éxito durante o ciclo de actividades dirixidas á xuventude celebradas o pasado outono. O curso terá lugar o vindeiro sábado 7 de xuño, a partir das 10.00 h na nave do obradoiro da Mata, e estará impartido pola artesá Ana Serra García, do obradoiro Medialúa, cunha traxectoria de máis de 30 anos no mundo do coiro.
Durante as 4 horas de duración do obradoiro, as persoas participantes aprenderán a elaborar un moedeiro con fol, coñecendo técnicas básicas de traballo co coiro e creando unha peza funcional e persoal.
A actividade terá un máximo de 12 prazas, un custo de 22 euros e estará aberta a todas as idades, aínda que terán prioridade as persoas menores de 30 anos. As persoas interesadas deberán inscribirse enchendo o seguinte formulario.
O concelleiro de Xuventude, Alejandro González, anima a veciñanza a participar nun obradoiro co que o Concello “segue apostando por ofrecer propostas que fomenten a creatividade, poñan en valor os oficios tradicionais e dean espazo á xuventude e a toda a veciñanza para experimentar e aprender. Estes obradoiros son unha oportunidade perfecta para desconectar, aprender e levar para casa algo feito por nós mesmos”.

