O alcalde da Lama anuncia o inicio dos trámites para conseguir a declaración da Festa do Codillo como Festa de Interese Turístico de Galicia no seu 25 aniversario

Redacción

O codillo estofado con guarnición volverá ser este ano a preparación escollida polo xurado para a XXIV edición da cita gastronómica, que se celebrará o domingo 14 de xuño

O alcalde da Lama, David Carrera, anunciou o desexo do Goberno municipal de iniciar os trámites para solicitar á Xunta de Galicia a declaración da Festa Gastronómica do Codillo como Festa de Interese Turístico de Galicia, un recoñecemento que o Concello agarda conseguir o próximo ano, coincidindo coa celebración do 25 aniversario deste evento gastronómico.

O anuncio realizouse durante a cata organizada para escoller a modalidade de preparación que protagonizará a XXIV Festa Gastronómica do Codillo, prevista para o domingo 14 de xuño na Alameda da Lama. Durante este acto, Carrera destacou a consolidación dunha celebración que, edición tras edición, reúne a máis dun milleiro de persoas arredor dun dos pratos máis representativos da gastronomía local e que se converteu nun dos acontecementos gastronómicos máis relevantes da comarca do Verdugo-Oitavén.

“Levamos case un cuarto de século promocionando a nosa gastronomía, os nosos produtos e o noso territorio. A Festa do Codillo é xa unha referencia para milleiros de persoas e cremos que reúne méritos suficientes para obter o recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia no seu 25 aniversario”, sinalou o rexedor.

O CODILLO ESTOFADO MANTÉN O SEU REINADO

Tras a correspondente degustación das diferentes elaboracións presentadas polo Cátering Arelas, o xurado volveu apostar pola receita tradicional de codillo estofado con guarnición, que se impuxo ás restantes propostas elaboradas para a ocasión, seguida moi de preto polo Codillo á Sidra, con mazá caramelizada.

A decisión foi adoptada por un xurado integrado polo alcalde David Carrera, o tenente de alcalde José Fortes, o concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya, a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Trinidad Fernández Oubiña, así como outros membros convidados entre os que estaban as doutoras Vanessa Cernadas e Laura González e psicóloga do CIM, Galiza Aguete, que valoraron o sabor, a presentación e a aceptación popular das distintas preparacións.

A modalidade elixida será a que se servirá aos asistentes durante a xornada gastronómica do domingo 14 de xuño, mantendo así unha receita que tradicionalmente obtén unha excelente acollida entre o público.

FESTA CONSOLIDADA NO CALENDARIO GASTRONÓMICO GALEGO

A XXIV Festa Gastronómica do Codillo celebrarase baixo unha gran carpa instalada na Alameda da Lama, con capacidade para máis de 1.000 persoas. O menú manterá o prezo popular de 15 euros por persoa e incluirá codillo, pan, bebida, cubertos e o tradicional prato de barro serigrafiado conmemorativo.

A programación completarase coa actuación do grupo Ventos da Terra ás 12.00 horas, a Charanga Noroeste a partir das 15.30 horas e o espectáculo de teatro musical “Noutrora”, protagonizado por Catro Ventos, ás 18.00 horas. Ademais, durante toda a xornada haberá promoción de produtos galegos con D.O.P. e Indicación Xeográfica Protexida (IXP) grazas á colaboración da Consellería do Medio Rural e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL).

O alcalde da Lama destacou que esta celebración constitúe un importante motor de dinamización económica, social e turística para o municipio, ao tempo que contribúe á promoción dos produtos galegos de calidade e dos numerosos atractivos naturais e patrimoniais do concello.

A venda anticipada de tickets continúa aberta nas oficinas municipais e na Biblioteca da Lama, co obxectivo de facilitar a organización dun evento que volverá converter o municipio nun referente gastronómico de Galicia durante a segunda fin de semana de xuño.

Comparte este artigo