O rexedor, autor do libro ‘Aillados. A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón’ e de ‘Nigrán. Memoria dunha Guerra 1936-1939’ , ofreceu varias charlas a alumnado de 4º da ESO a 2º de Bacharelato
O alcalde de Nigrán deixou esta mañá a un lado a súa faceta de rexedor para desenvolver ante o alumnado do IES Proval a súa formación como historiador experto na Guerra Civil, coincidindo a xornada co 95 aniversario da proclamación da II República. Así, Juan González, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago e autor dos libros ‘Aillados. A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón’ e de ‘Nigrán. Memoria dunha Guerra 1936-1939’ , ofreceu cadansúa charla a alumnado de 4º da ESO a 2º de Bacharelato a petición do profesorado deste centro educativo que celebra así os seus propios actos baixo o título ‘A memoria democrática’. O alcalde estivo na primera charla acompañado polo gondomareño José Luis Mosquera, autor do libro ‘O Val de Miñor durante a II República’, premio de investigación do IEM (Instituto de Estudos Miñoranos) no 2021. O día anterior, luns 13 de abril, e si como rexedor, González visitou na súa casa de Nigrán á veciña de Priegue Bienvenida República no seu 95 aniversario para darlle os parabéns en nome de toda a veciñanza.
“Quen vos diga que con Franco se vivía mellor vos está enganando. Ningunha guerra trae nada bo, máximo se é unha Guerra Civil, esa é a peor de todas porque as feridas entre irmáns tardan moito en curarse”, considerou o alcalde, quen aproveitou a presenza na aula dun tataraneto de Inocencio Alonso para contar a tremenda historia deste veciño de Camos. De ideais moi abertamente republicanas, Inocencio foi fuxitivo nos montes de Nigrán ata que en novembro do 36 únese ao bando franquista para atravesar o frente de guerra e loitar ata o final co Republicano, motivo polo que acabou nun campo de concentración francés ata que en 1939 logra marchar a Chile no barco cargueiro Winnipeg, iniciativa do entón cónsul Pablo Neruda que transportou a 2.200 españois a Valparaíso. Inocendio non regresou a España ata a morte de Franco e morreu no 2007 dicindo que “a liberdade é tan importante coma o aire que respiramos”. “A nosa veciña Bienvenida República tivo que ocultar durante décadas o seu segundo nome para evitar consecuencias”, contou tamén a raíz da historia do nome desta muller.

