HomePontevedraPoioO BNG acusa ao PP de boicotear a campaña informativa sobre o...

O BNG acusa ao PP de boicotear a campaña informativa sobre o ‘taxazo da auga’ ao denegarlle local para o primeiro encontro veciñal

- Anuncio -spot_img

Marga Caldas advirte que o goberno de Moldes “ponse nervioso porque sabe que imos desmontar os seus enganos á veciñanza”


O Bloque mantén a reunión prevista para mañá xoves ás 20.30h no mesmo punto de encontro: a Casa Museo de Colón de Portosanto


O BNG de Poio vén de acusar ao PP de querer boicotear a súa campaña informativa sobre o ‘taxazo da auga”. Así o denunciou hoxe a voceira Marga Caldas, quen anunciou que o Concello denegou no último momento o permiso para usar un local municipal para o primeiro encontro veciñal previsto para este xoves en Portosanto e tampouco ofreceu nin permitiu utilizar ningún outro local público como alternativa. A pesar de todo, a formación nacionalista vai manter mañá ás 20.30h a súa reunión coa veciñanza.

Segundo Caldas, esta maneira de proceder do PP intentando evitar as explicacións “realistas” sobre a subida do recibo da auga pon de manifesto “o nerviosismo de Moldes porque sabe que imos desmontar os seus enganos”. A voceira destaca que o intento de cancelar a primeira reunión prevista polo BNG demostra que realmente a equipa de goberno “ten algo que ocultar” e dá máis folgos á agrupación nacionalista para destapar o incremento brutal no recibo, que suporá que a veciñanza pase a pagar o dobre polo abastecemento a causa do novo contrato da auga. “Ao PP non lle interesa que se digan as cousas claras e por iso pon paus nas rodas querendo cancelar os nosos actos”, dixo.

A voceira destaca que o BNG solicitou o uso da Casa Museo de Colón para o seu encontro veciñal a principios da semana pasada. Dado que é “uso e costume do Concello nin contestar ás peticións e dalas por autorizadas”, a agrupación nacionalista contaba co local e iniciou o reparto de anuncios da reunión con esa localización. A sorpresa chegou cando este martes, a dous días vista do acto, a voceira recibiu a advertencia de que non podían usar as instalacións porque están en obras, algo non visible dende o exterior.

Dende o Bloque admiten que se o local non está acondicionado e non é seguro para o público é lóxico non permitir o uso. Sinalan en calquera caso que o PP, sabedor de que podía derivar ao BNG ao Casal de Ferreirós, decidiu dilatar a contestación negativa ata o último momento para deixar á formación sen marxe de manobra para conseguir outra sala e comunicar o cambio á veciñanza.
“Estamos ante unha manobra nada elegante nin leal, moi ‘burda’, por parte do goberno para intentar que non fagamos o noso labor como oposición. Denegan o local, non dan alternativa e, o peor, todo a última hora. Por que? Pois porque saben que ímolos deixar en evidencia ante a veciñanza co ‘taxazo da auga’ que van impoñer”, critica Caldas.
A voceira destaca que, a pesares de todos os contratempos, o Bloque vai manter o encontro de mañá xoves en Portosanto. As concelleiras e concelleiros nacionalistas acudirán á cita ás oito e media da noite no mesmo punto de encontro –a Casa Museo- e, unha vez alí, explicarán na propia rúa ou trasladaranse a outro espazo –actualmente están a xestionar a dispoñibilidade de emprazamentos próximos- para falar coa veciñanza sobre como afectará a subida, comparando os recibos actuais cos do incremento xa aplicado.

A portavoz explica que o Bloque decidiu poñer en marcha a campaña informativa porque a subida do recibo supón un incremento “brutal” con respecto ao que a cidadanía paga na actualidade, “mentres, sen embargo, o goberno de Moldes nega a maior, agocha os datos obxectivos e engana á cidadanía ao presumir de cara á galería que baixa impostos”.
Segundo asegura Caldas, a subida será “un atraco” que chegará a roldar os 100 euros por vivenda e recibo, xa que o pago incrementarase un 100% porque o consumo da auga pasará a cobrarse en dous conceptos: o de abastecemento e o de saneamento. Subliña a nacionalista que o Bloque está a favor de actualizar e mellorar o abastecemento, pero cun proxecto que non repercuta no peto das familias.

Publicacións Relacionadas