O BNG advirte que o novo plan estratéxico do Porto de Vigo non pode permitir novos recheos

Redacción
Lectura mínima de 4

Esixe que antes de elaborar o novo Plan a Autoridade Portuaria realice unha avaliación previa do vixente e que se dea resposta ás alegacións da DEUP

A fronte nacionalista non admitirá novos recheos na Ría, que se promova a eólica mariña nin que se converta a antiga Vulcano (agora Estaleiros San Enrique) en ampliación da terminal de contedores

Xabier P. Igrexas reclama un proceso participativo e dialogado: “O deseño do futuro do Porto non pode facerse de portas a dentro dos despachos. A Ría é de Vigo e Vigo é da Ría”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo esixiu ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, que dea resposta ás alegacións presentadas -en novembro de 2024- á nova Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios (DEUP) e que agarde á correspondente avaliación ambiental estratéxica do Ministerio antes de iniciar o proceso para un novo Plan Estratéxico. A fronte nacionalista considera que “non se pode construír o futuro cando o presente está sen resolver”.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, reclamou que calquera novo plan estratéxico estea precedido dunha “avaliación honesta e transparente” do actual Plan 2018-2028. “O Porto de Vigo é un motor económico de primeira magnitude para esta cidade e para o conxunto de Galiza. Por iso precisamente, porque o seu papel é fundamental, non podemos permitir que a súa planificación se faga de costas á cidade”, afirmou.

Sen recheos

Igrexas marcou con claridade as liñas vermellas do BNG de cara ao novo proceso de planificación portuaria. A fronte nacionalista non admitirá novos recheos na Ría, como parece querer alentar Botana insistindo na falla de espazo “porque o tempo dos recheos rematou”. Oponse á instalación de enerxía eólica mariña en espazos protexidos. E, con especial énfase, rexeita calquera intento de converter os terreos do antigo Vulcano, hoxe estaleiros San Enrique, nunha ampliación da terminal de contedores.

“A construción e a reparación naval é unha actividade estratéxica para Vigo, forma parte da nosa identidade industrial, e estrangulala para gañar metros cadrados de almacenamento sería un erro histórico que a nosa cidade non se pode permitir”, subliñou Igrexas. Neste sentido, desde o Bloque insisten na proposta de utilizar o estaleiro de Teis para crear o prometido centro de reparacións navais da Ría de Vigo.

PLISAN

O portavoz municipal do BNG defendeu que o camiño para que o Porto siga medrando e sendo competitivo “non pasa por seguir cementando a Ría nin por sacrificar o naval”, senón por ordenar e optimizar os espazos existentes, mellorar a conectividade das terminais portuarias e, sobre todo, por desenvolver de verdade a Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN), para convertela nun “instrumento útil ao servizo de toda a actividade portuaria e industrial”.

Igrexas reclamou ao presidente Botana que, antes de iniciar un novo Plan Estratéxico, abra “un proceso real de participación e diálogo non só cos operadores portuarios senón con toda a cidade” e que asuma un “compromiso explícito e claro” de non executar recheos, non promover a eólica mariña e non usar a planificación portuaria para expulsar actividades industriais estratéxicas.

“A Ría é de Vigo e Vigo é da Ría. O Porto ten que ser a ponte entre os dous, non o muro que as separa”, remachou.

Comparte este artigo