O BNG alerta do futuro económico do concello polo novo revés xudicial contra a política de cemento de Telmo Martín

adminON
Lectura mínima de 4

O voceiro nacionalista, Fran Leiro, advirte de que a insistencia do alcalde de prolongar os recursos xudiciais disparán os custes ata preto  dos 15 millóns de euros, incluíndo xuros e intereses 

Os nacionalistas advirten de que, se o Tribunal Supremo confirma a decisión do TSXG de non permitir o pago fraccionado da sentenza,  

Sanxenxo pasará a ser un dos concellos máis endebedados da provincia 

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de  Sanxenxo advirte de que a teima do alcalde, Telmo Martín, de dilatar o  proceso xudicial da sentenza da finca das Cunchas supón “un novo ataque ao peto da veciñanza”. Esta é a guinda a unha “pésima xestión da súa política de  cemento”, que moi probablemente abocará ao Concello a ter que facer fronte a  unha situación económica moi complicada nos vindeiros anos. Os  nacionalistas, que xa advertiron en varias ocasións dos problemas que  conlevaría a política de ladrillo do señor Martín, especialmente no que se  refire ao proceso xudicial coa familia Rocafort, alertan de que a decisión do  alcalde de recurrir a resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia  (TSXG), na que descarta a opción de pagar de xeito fraccionado os 10 millóns  de euros pendentes aos propietarios da parcela, “para o único que serve é para  que Telmo Martín pretenda gañar tempo, a costa de castigar as arcas  municipais”.

O voceiro do BNG, Fran Leiro, xa advertira desta situación no Pleno de  xaneiro, cando se aprobou o Orzamento de 2024. Foi entón cando o edil  nacionalista adiantou que, en caso de producirse o rexeitamento do  fraccionamento por parte do Tribunal Supremo, Sanxenxo veríase abocado a  converterse nun dos concellos máis endebedados da provincia para afrontar  ese pago. No caso de que o recurso presentado polo Concello ante o Tribunal  Supremo tamén fracase, os custes totais do proceso poderían superar os 15  millóns de euros, incluíndo os xuros e intereses que se seguen a xerar  mentres non se abone a parcela. “O señor Martín segue empeñado en levar a  Sanxenxo á bancarrota”, criticou Leiro, que lembra que o Concello xa tivo que  face fronte a pagos por valor de máis de 20 millóns de euros como  consecuencia de resolucións xudiciais provocadas pola política de cemento e  ladrillo de Telmo Martín. “Este é un feito sumamente grave, especialmente se  temos en conta que o señor Martín asegurou no seu día que se era elixido  alcalde a adquisición da parcela das Cunchas tería un custe de 0 euros. Unha  mentira flagrante máis que engadir ás moitas que xa formulou, como a da  suposta baixada de impostos, que demostrou ser todo o contrario”, subliñou  Fran Leiro. 

O voceiro nacionalista ten claro que “non vai ser Telmo Martín quen pague o  pato, senón os veciños e veciñas e futuras Corporacións”. Leiro incide en que  esta “fuxida cara adiante” do Goberno do Partido Popular é a razón da suba de  impostos aprobada hai uns meses. “O señor Martín garantiu en campaña  electoral que ía baixar impostos e agora, en menos dun ano, xa subiu varios e  mesmo se inventa algún novo, como o dos vados”, concluíu o concelleiro do  BNG.

Comparte este artigo