Celia García sinala que o BNG votou en contra porque o novo contrato do lixo é pouco ambicioso, non prevé un Punto Limpo fixo e volve entregar o servizo a Urbaser, malia os seus antecedentes problemáticos en Marín.
O Concello de Marín aprobou no pasado pleno extraordinario do 24 de outubro a adxudicación do novo contrato do lixo, o de maior custe económico da historia do municipio. O BNG considera que a proposta podería acadar un maior nivel de ambición, pois non inclúe ferramentas clave para mellorar a xestión dos residuos, como un Punto Limpo fixo, nin reforza nin reforza mecanismos de fiscalización adecuados nun servizo tan relevante.
O BNG votou en contra desta proposta ao constatar que dúas melloras fundamentais para asegurar un salto de calidade quedaron fóra: por unha banda, o mencionado Punto Limpo fixo, imprescindíbel para evitar que Marín continúe sen unha infraestrutura estable para a recollida de residuos voluminosos e especiais, situación que favorece os vertidos incontrolados que prexudican o medio e a imaxe da vila; por outra, a preocupación respecto ao regreso de Urbaser á xestión do servizo, despois dos problemas que xa se produciron no ano 2013: incumprimentos contractuais, conflitos laborais e un litixio que rematou custando máis de 2,35 millóns de euros ás arcas municipais. Cómpre lembrar, ademais, que en 2020 o Pleno xa rexeitara unha cesión á mesma empresa polo mesmo motivo.
A concelleira Celia García subliña que un contrato de tanta envergadura económica e cun historial de xestión tan complexo debería contar con garantías reforzadas de transparencia e control público, algo que o BNG non ve asegurado na proposta aprobada, especialmente ao volver confiar o servizo a unha empresa que xa provocou graves problemas no pasado.
Durante os meses de preparación da licitación, o BNG achegou propostas rigorosas e realistas para mellorar o servizo como que a maquinaria e contedores revertesen ao patrimonio municipal ao finalizar o contrato, unha planificación específica para grandes produtores como a Escola Naval ou a revisión do canon de Sogama cara a taxas máis xustas. O novo contrato recolle algúns avances importantes, como o incremento salarial do persoal, a implantación do colector marrón e a posta en marcha dun punto limpo móbil, cuestións que o BNG valora positivamente, mais considera que non abonda para dar resposta ás necesidades reais.
García, afirmou que “se este é o contrato máis caro da historia de Marín, é razoable esixir máis ambición e máis garantías. Non nos conformamos con solucións a medias: queremos que Marín avance, con infraestruturas modernas e transparencia plena na xestión dun servizo esencial para a vida diaria da veciñanza”.



