O BNG, ao longo destes anos, e desde 2007, sempre se viu posicionando favorablemente na demanda do cuarto xulgado para Vilagarcía, tanto desde os órganos municipais de goberno, como representación municipal ou na rúa, acompañando as peticións dos profesionais que denunciaban a saturación e colapso dos xulgados da cidade e, con eles, a lentitude da xustiza.
Esta petición á Xunta de Galiza e ao Ministerio de Xustiza contou reiteradamente co apoio das diferentes corporacións municipais. Sen embargo, o que debía ser un apoio unánime, topou no Pleno Municipal de Marzo de 2022 coa abstención do Partido Popular de Vilagarcía, que cualificou a petición daquela, como “extemporánea”. Sorprende no BNG esa posición errática, pola que o que entón era inconveniente e inaxeitado, en definitiva, extemporáneo, agora se converta en fundamental. E só se entende desde a perspectiva de procurar, coas inminentes eleccións galegas, a confrontación co Goberno do Estado e facer ruído mediático, cando son coñecedores de que moita da responsabilidade de que Vilagarcía non conte aínda co 4º Xulgado é, en boa medida, da Xunta de Galiza por inacción. Segundo os datos que manexa o BNG, nos exercicios de 2019-2021 a Comisión Mixta -formada por Xunta de Galiza e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia- non lle propuxo ao Ministerio de Xustiza ese ansiado xulgado, limitándose a aceptar reforzos puntuais recomendados polo CGPJ. E, no que respecta aos exercicios de 2022 e 2023, nas súas propostas ao Ministerio de creación de novos órganos xudiciais en Galiza, situaron Vilagarcía nos últimos lugares nunha relación que chegou a nove peticións, a pesar de ter un carácter prioritario, sendo coñecedores de que o Ministerio de Xustiza non adoita a poñer en marcha máis de 2 ou 3 unidades xudiciais cada ano. En consecuencia, o BNG someterá a consideración do PP unha achega á súa moción, instando á Comisión Mixta da Xunta para que sitúe Vilagarcía en lugar preferente das peticións de 2024.

