Defende avanzar nas política feministas para seguir a conquistar dereitos este 29N ante a ameaza dos discursos machistas e negacionistas: “Xogámonos a vida”
María Obelleiro: “Hoxe non é unha prioridade do Goberno estatal, que destina 180 millóns para combater a violencia machista fronte a máis de 36.000 millóns en armamento”
Iria Costas: “Fronte a quen pretende facernos retroceder, as galegas temos memoria e sabemos perfectamente o que supoñen as políticas da dereita”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) comprométese a que “non se dea nin un paso atrás” contra a violencia machista e a ofensiva reaccionaria. Con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a fronte nacionalista defende avanzar nas política feministas para seguir a conquistar dereitos ante a ameaza dos discursos machistas e negacionistas.
Baixo o lema ‘Xogámonos a vida’, o BNG chama a facer da loita contra a violencia machista unha prioridade nas eleccións xerais do 29N. “A día de hoxe non o é cando o Goberno estatal destina 180 millóns fronte aos máis de 36.000 millóns que dilapida en armamento”, denunciou este martes en Vigo a candidata do BNG ao Congreso, María Obelleiro, xunto a representantes da candidatura e institucionais.
Nese camiño, dende o Bloque apostan por fortalecer os servizos públicos e a atención integral ás vítimas con recursos suficientes, diante da actual falta de compromisos que, advertiron, se traducen en problemas moi concentros. “Estes recursos non son simples decisións administrativas, deles poden depender a vida de moitas mulleres”, afirmaron.
Obelleiro subliñou a necesidade de impulsar e executar as medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que seguen sen desenvolver. E garantir unha xestión pública e directa dos mecanismo de control telemático para as vítimas e rematar tamén cos problemas de cobertura que se producen en Galiza.
A candidata do BNG propuxo ademais que se inclúan as vítimas de violencia machista como colectivo prioritario no deseño das políticas pública de acceso á vivenda e que os centros de crise e os CIM móbiles, privatizados polo Goberno de Rueda, se integren no sistema público.
Puxo en valor o traballo realizado polo Bloque á hora de impulsar a creación de máis xulgados exclusivos de violencia de xénero en Galiza. Porén, afirmou que “non é suficiente” e reclamou incrementar a transferencia dos fondos económicos e a revisión dos criterios de reparto para atender a realidade galega.
Un paso ao fronte do feminismo
Na mesma liña, a candidata do BNG ao Senado, Iria Costas, advertiu sobre o contexto “especialmente preocupante” no que a dereita e a extrema dereita están a poñer en cuestións os “avances que custaron décadas de mobilización e de loita feminista”. Alertou como os discursos machistas e reaccionarios gañan presenza e se normalizan nas institucións, nas rúas, nos centros de ensino e nas redes sociais.
“Fronte a quen pretende facernos retroceder, as galegas temos memoria e sabemos perfectamente o que supoñen as políticas da dereita”, salientou, lembrando as consecuencias do goberno de Feijóo en Galiza que “debilitaron as políticas e recursos públicos e nas que Rueda continúa a profundar”.
Costas reivindicou os avances dun feminismo galego que “demostrou que sabe organizarse e conquistar dereitos” e chamou a “dar un novo paso á fronte” contra a ofensiva reaccionaria. “Fronte a quen pretende recortar liberdades, máis organización; fronte a quen nega a violencia, máis protección; fronte a quen quere facernos retroceder, máis feminismo e máis soberanía”, salientou.
Dende o BNG chamaron por estes motivos a unha masiva mobilización en Vigo este 25N, convocada por Resposta Feminista, con saída ás 19:00h do cruzamento de Vía Norte.

