HomePontevedraPoioO BNG critica que Moldes presuma de superávit mentres os servizos que...

O BNG critica que Moldes presuma de superávit mentres os servizos que presta o Concello son deficientes e non hai investimentos nin proxectos que ofrecer á veciñanza de Poio

- Anuncio -spot_img

Marga Caldas subliña que “o Concello non está ao día” nin la limpeza viaria, na recollida de lixo, o mantemento de espazos nin no servizo da Policía Local, entre outros

A nacionalista destaca que a xestión económica en 2024 foi semellante á de anteriores mandatos do Bloque: “quere vender o ordinario como extraordinario”

O BNG de Poio criticou hoxe que o alcalde Ángel Moldes presuma de ter conseguido superávit nas contas municipais mentres, ao mesmo tempo, o Concello de Poio está a prestar servizos deficientes, non fai investimentos e carece de proxectos reais que ofrecer á veciñanza. “Parece que Moldes veu salvar Poio cando na realidade o Concello non está ao día”, destaca a voceira nacionalista Marga Caldas, quen afea ao dirixente ‘popular’ e ao seu equipo a mala situación do servizo da limpeza e do lixo, do mantemento dos parques ou a ausencia de Policía Local polas tardes.

Segundo Caldas, a presentación das contas xerais de 2024 mañá no Pleno por parte do PP vai ser un novo exercicio de “dobre discurso” do dirixente ‘popular’ estando agora no goberno fronte ás críticas que facía ao BNG dende a oposición.  A voceira destaca que este ano o goberno de Moldes tivo bos datos económicos porque houbo máis ingresos ca nunca. Explica que aínda que o Partido Popular vendeu unha baixada de impostos, ata agora aínda non se fixo efectiva, polo que as arcas municipais recadaron máis taxas e impostos que nunca. “Subiron os fondos dispoñibles con respecto a outros anos”, sentenza Caldas.

A nacionalista engade ademais que, aínda que con variantes o BNG, durante a súa etapa na Alcaldía conseguía cifras moi semellantes ao superávit deste 2024. “Non están a conseguir nada que nós non tiveramos. Non é ningún récord e non é a primeira vez que se conseguen cifras así en Poio. Nós xa o faciamos. Moldes cando estaba na oposición dicía que iso non respondía a unha boa xestión. Sen embargo, agora mantén a mesma xestión que el antes criticaba pero ademais, véndea como se fose algo extraordinario, cando era o proceso ordinario que se seguía en Poio de sempre”, subliña a nacionalista.

Caldas lembra que con datos económicos parellos ao actual, o BNG sempre priorizou os servizos, facía investimentos e tiña proxectos para o futuro da vila. “Este goberno non ten nada diso. Moldes vende que parece que viu salvar Poio, cando na realidade non responde porque os servizos non están ben cubertos e o Concello non está ao día”, insiste. Subliña que agora mesmo “o que estamos a ver é que hai investimentos ‘cero’. Non hai investimentos”.

Engade tamén que servizos como a recollida de lixo, a limpeza viaria ou o mantemento dos parques “que é algo que sempre diferenciou ao noso goberno, que foi o coidado continuo da nosa contorna”, nestes momentos son deficitarios e están desatendidos. “As queixas son diarias polo abandono que se está a producir. É xeralizado”, sostén, ao tempo que lembra outras prestacións municipais, como a de seguridade da Policía Local, que xa non existe polas tardes debido á supresión da quenda de tarde hai catro meses.

“Moldes presume dun superávit que as e os veciños realmente non están a ver reflectido no seu día a día cunha mellora na calidade de vida. Hai graves carencias”, insiste a voceira do BNG.

Publicacións Relacionadas