Os Venres Rebuldeiros regresan ao Rosal para facer da lectura unha aventura

Redacción

O ciclo inicia un novo curso este 11 de setembro con ‘Os mundos de Elisa’, unha proposta da Compañía Espectacular que combina contos, imaxinación e unha mensaxe sobre igualdade

Os libros volven saír dos andeis para converterse en historias que se escoitan, se viven e se comparten. O Concello inicia o novo curso cunha nova edición dos Venres Rebuldeiros, un ciclo xa consolidado que transforma a lectura nunha experiencia viva para achegar os libros e as historias á rapazada dunha maneira lúdica e participativa.

A primeira cita será este venres 11 de setembro, ás 18.00 horas na Biblioteca Municipal, con ‘Os mundos de Elisa’, da compañía Espectacular, unha proposta na que os contos se converten tamén nunha ferramenta para falar de igualdade, autoestima e confianza nas propias capacidades.

A protagonista, Elisa, séntese pouco valorada dentro da súa familia polo feito de ser nena. Ela quere expresarse e contar historias, pero necesita atopar a seguridade necesaria para facelo. Será grazas á axuda do seu enigmático amigo Ulrich e do Biblioquetario, un pequeno e singular personaxe, como iniciará unha viaxe por unha dimensión máxica na que descubrirá todo aquilo do que é capaz.

A través dunha coidada selección de contos que falan de igualdade, poder persoal e entusiasmo, a historia convida ás nenas e nenos a recoñecer as súas capacidades, expresarse con liberdade e confiar máis en si mesmos.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salienta que “os Venres Rebuldeiros conseguen achegar a lectura á infancia desde o xogo, a curiosidade e a emoción. Queremos que a Biblioteca sexa un lugar ao que a rapazada queira vir, no que descubra historias pero tamén no que poida imaxinar, participar e aprender”.

Esta primeira actividade enmárcase no programa Ler Conta Moito da Rede de Bibliotecas de Galicia, que promove a lectura a través de propostas de narración, espectáculos e actividades pensadas para achegar os libros a públicos de todas as idades.

Comparte este artigo