O BNG da Estra instará ao concello a presentar recurso de alzada contra o parque eólico de Xesteiras

adminON
Lectura mínima de 3


Xoán Reices: “o goberno do PP sabe perfectamente o malestar e a inquietude que provoca este parque eólico nos montes de Vea, e por esta razón o alcalde non pode ficar de brazos cruzados agardando aos feitos consumados

No pleno deste xoves, o BNG da Estrada instará ao goberno municipal a presentar un recurso de alzada contra o parque eólico de Xesteiras. Segundo o portavoz municipal e concelleiro do BNG, Xoan Reices, “o goberno do PP sabe perfectamente o malestar e a inquietude que provoca este parque eólico nos montes de Vea, e por esta razón o alcalde non pode ficar de brazos cruzados agardando aos feitos consumados”.

“O parque eólico de xesteiras non é só un atentado medioambiental, atenta contra o benestar dos veciños e veciñas de Vea, unha zona das máis poboadas do noso concello, que verán medrar nos seus montes a sombra alongada do espolio que enriquece o peto das eléctrica, mentres os veciños e veciñas perden calidade de vida”, afirma o concelleiro nacionalista.

“Unha das zonas máis afectadas será a parroquia de Santa Mariña de Barcala, que, se non o impedimos, quedará encerrada entre o parque eólico de Xesteiras e o de Castro Valente, separados por pouco máis de tres quilómetros de distancia”, afirma, “isto é intolerábel e concello non pode ficar calado, por moito que a legalidade vixente permita estes disparates”.

“Por outra parte, están en risco as traídas de auga potábel da que se nutren os veciños e veciñas; van verse afectadas infraestruturas públicas municipais como viais e alumeado público”, explica Reices. “Insistimos: o concello ten que actuar para parar esta desfeita no val de Vea”, afirma.

O concelleiro indica que “o recurso de alzada do concello non pode ser un mero trámite, ten que estar ben fundamentado para parar este parque eólico; de non conseguilo con este recurso, xa avisamos que pediremos no pleno que o concello presente tamén recurso no xulgado”.

Mellora dos viais de acceso a Requián

O concelleiro do BNG, Xoán Reices, tamén explicou que entre outros asuntos pedirán ao alcalde a mellora dos dous viais de acceso ao lugar de Requián. “Os dous accesos están nun estado lamentábel, pero especialmente o que vai desde Frades”, explica, “isto é unha demanda que xa a levamos a pleno noutra ocasión, mais o goberno do PP aínda non actuou a pesar do desastroso do estado do vial municipal”.

Comparte este artigo