Celebrarse do 23 ao 25 de maio na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián coa mesma ampla programación de actividades
A Feira de Cultivos do Baixo Miño ponlle ao mal tempo boa cara e moitas gañas e ilusión. Por causas meteorolóxicas e ante a previsión de choiva e mal tempo para os vindeiros días, o evento aprazarase un par de semanas pero manterá a súa ampla programación ao aire libre. Deste xeito, a Praza Pintor Antonio Fernández de Goián acollerá do 23 ao 25 de maio a vixésima edición dunha feira organizada de forma conxunta polo Concello de Tomiño e a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam).
Centrada en celebrar os seus 20 anos de historia, a Feira de Cultivos volverá saír á rúa con moitas actividades para achegar ao público as principais novidades dos sectores da planta, froita, flor, horta e subministros, así como un amplo programa de concertos, conferencias, obradoiros e novos formatos para facer da feira un verdadeiro espazo de participación e creatividade.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, lembrou que “celebramos 20 anos dunha feira que é moito máis que un escaparate do sector, é un punto de encontro entre profesionais, veciñanza e futuro. A pesar do cambio de datas, imos manter toda a ilusión e unha programación pensada para desfrutar, aprender e compartir ao aire libre. Agardamos a todos e todas do 23 ao 25 de maio cunha feira renovada, viva e participativa”.
Pola súa banda, o presidente de acuBam, Fran Campos, salientou que “ o tempo non frea nin as gañas nin o traballo que hai detrás de cada edición da Feira de Cultivos. O sector do Baixo Miño ten moito que amosar e este evento é a mellor oportunidade para facelo, para achegarse ao público e seguir celebrando xuntos dúas décadas de crecemento compartido”.
A programación da Feira de Cultivos irá actualizándose nos vindeiros días na web.