A iniciativa, que conta co apoio da Comunidade de Montes da Portela, busca acabar co abandono dunha infraestrutura clave para a mobilidade de Barro
O BNG de Barro iniciou unha campaña social e política para esixir ao goberno do estado a reactivación da Estación da Portela. Esta iniciativa conta co respaldo da dirección da Comunidade de Montes da Portela, a quen o alcalde e representantes do BNG na localidade lles trasladaron os seus obxectivos e informaron das accións previstas polo BNG nesta campaña.
A campaña desprégase a través de diversas frontes de actuación inmediata para rachar co que o BNG cualifica como unha “estratexia de abandono” e “unha discriminación” por parte do Ministerio de Transportes. No ámbito institucional, o grupo municipal vai presentar unha moción para o seu debate no Pleno da corporación na que se solicita a posta en funcionamento inmediata da Portela como parada efectiva e a creación de servizos con frecuencias e horarios adaptados ás necesidades laborais, educativas e sanitarias da veciñanza.
De xeito paralelo, a formación nacionalista inicia unha recollida de sinaturas que percorrerá o concello porta a porta para trasladar o clamor social ás administracións competentes, coordinando estas accións coas iniciativas que o BNG xa defende no Senado para que se cumpra o compromiso que o BNG acadou co PSOE na investidura do presidente do goberno de implantación de servizos de proximidade ferroviaria en Galiza.
Desde o BNG de Barro subliñan que contar con apenas dúas paradas diarias, con horarios que non coinciden coa lóxica dos desprazamentos cotiáns, condena á estación á inoperancia e obriga ás veciñas e veciños de Barro a depender sistematicamente do vehículo particular.
Para o BNG a vertebración real do territorio non se logra coas grandes infraestruturas que illan os concellos intermedios, senón permitindo que o rural sexa un lugar habitable e conectado a través dun ferrocarril que sexa un servizo esencial e non un negocio. A ormación recalca que non se piden obras faraónicas, senón a obriga de que os trens que xa hoxe circulan polas vías de Barro paren na estación e presten un servizo real e efectivo á veciñanza de Barro e á área de influencia da estación.
Finalmente, a campaña tamén pon o foco no estado de conservación das instalacións. O BNG reclama a ADIF e a Renfe un acondicionamento urxente e un mantemento integral da estación da Portela, garantindo a limpeza periódica, a mellora da iluminación e a creación de zonas de agarda dignas que protexan ás persoas usuarias da intemperie. Para a organización nacionalista, garantir un tren de proximidade eficiente é a ferramenta máis eficaz para facer fronte á crise climática e asegurar que Barro non teña cidadanía de segunda categoría no acceso aos servizos públicos fundamentais

