A psicóloga mosense Sara Lorenzo será a encargada de dirixir un coloquio, aberto a toda a veciñanza, que terá lugar no C.S.C.D. As Pedriñas ás 20:15 horas.
As persoas participantes terán a oportunidade de reflexionar sobre a historia do movemento feminisita e o seu impacto na sociedade actual.
Na véspera do 8M, o Centro Social, Cultural e Deportivo das Pedriñas, en Tameiga, acollerá este xoves, 7 de marzo, a conferencia-coloquio titulada Que simboliza realmente o Feminismo? O encontro, organizado polo BNG, estará dirixido a partir das 20:15 horas pola psicóloga mosense Sara Lorenzo, quen convidará a todas as persoas participantes a reflexionar e debater sobre as interpretacións que o Feminismo ten a día de hoxe e sobre como inflúe a percepción pública do movemento no seu impacto na sociedade.
A través dunha análise da orixe e da historia do Feminismo dende unha perspectiva histórica, social, política e cultural, afondarase no verdadeiro significado dun movemento que, en palabras da poñente, “reclama un pensamento libre e crítico, o pensamento de todas as mulleres que ao longo da historia pensaron, falaron e escribiron libremente en contra do poder establecido e a costa, na maioría das veces, de xogarse a vida e perder a súa reputación”.

