Marga Caldas avisa de que o PP impide a contratación de buses para ir á manifestación do 6 de abril en Santiago: “Quitaron a careta e demostraron que cando estaban na oposición unicamente esixían melloras para quedar ben”
O Bloque pide a convocatoria da ‘Mesa dos dereitos sanitarios’ para abordar os problemas da Atención Primaria e coñecer os trámites do novo centro de saúde
O BNG de Poio vén de criticar o “chaqueteo” de Ángel Moldes por rexeitar as protestas en defensa da sanidade pública agora que está na Alcaldía tras apoialas cando estaba na oposición. A voceira do Bloque Marga Caldas así o afeou hoxe despois de que o PP de Poio tombase unha moción para apoiar a manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública o vindeiro 6 de abril en Santiago, na que tamén se pedía que o Concello contratase autobuses para facilitar a asistencia da veciñanza.
A portavoz do Bloque lembra que o cando estaba na oposición o PP sempre apoiou as iniciativas do goberno nacionalista de promover as reivindicacións para mellorar a situación sanitaria no país e aplaudía dar facilidades de transporte á cidadanía. Segundo Caldas, a postura ‘popular’ agora na Alcaldía, intentando “salvar a cara á Xunta” e asegurando que a sanidade galega funciona e que as queixas son partidistas –tal e como indica Moldes – supón, nin máis nin menos que “quitar a careta”, e demostrar que o Partido Popular de Poio antes “unicamente esixía melloras para quedar ben diante da xente”.
Caldas considera que o Concello, por lealdade para coa súa veciñanza, debería solicitar que os seus centros de saúde teñan o persoal suficiente e estean ben equipados, aumentando o orzamento sanitario público. “Non nos cabe na cabeza que o cambio de postura sexa tan drástico”, insiste a voceira do BNG.
Por outra banda, a nacionalista solicitou tamén ao goberno local que convoque a ‘Mesa dos dereitos sanitarios de Poio’, un órgano de participación que no anterior mandato estaba plenamente activo para abordar a situación concreta dos asuntos sanitarios relacionados co municipio. Lembra Marga Caldas que anteriormente había unha coordinación constante entre a mesa e o goberno local para solicitar á Xunta a cobertura das vacantes médicas e corrixir os obstáculos de acceso á Atención Primaria, entre outras cuestións.
Por outra banda, o BNG considera moi necesario que se reúna a Mesa para que o Concello informe dos trámites realizados en relación á construción do novo centro de saúde. “Necesitamos saber se houbo algunha reunión para promover o centro de saúde e cal é a previsión para que sexa unha realidade. Nestes momentos os terreos previstos para a construción, pegados a Campelo, son un vertedoiro”, advirte Marga Caldas.