Marga Caldas subliña que é necesario “denunciar e non normalizar” o uso partidista que o Partido Popular fai de todas as institucións que preside
A nacionalista pide ao alcalde que “non tome á xente por parva” e lembra que foi Feijóo quen estivo á fronte da concentración, que só contou con políticos populares
O BNG de Poio vai pedir ao servizo de Intervención municipal un informe que aclare se a viaxe de Moldes a Madrid para acudir á protesta do PP contra Sánchez pode ser asumida formalmente polo Concello como un gasto municipal. A voceira Marga Caldas destaca que é necesario “denunciar e non normalizar” o uso partidista que o Partido Popular fai de todas as institucións que preside.
“Que non tomen á xente por parva. Pode que a convocatoria da protesta a fixese o PP dende a FEMP, pero foi un acto político do Partido Popular que só contou con presenza de populares. Non había representación da presidencia da FEGAMP nin doutras formacións políticas. Foi un acto de propaganda do PP ‘de libro’ para potenciar a confrontación centralista en Madrid entre o PP e o PSOE”, sostén a nacionalista.
Caldas destaca que as declaracións de Moldes explicando a súa asistencia á protesta como representante dos alcaldes do PPdG na FEGAMP tamén caen polo seu propio peso e non poden xustificar o pago da viaxe dende o Concello. “Por que se Moldes foi como integrante da FEGAMP a Madrid non pasou os gastos da viaxe a ese organismo en vez de ao Concello? E por que non foi o presidente da FEGAMP á protesta? Pois porque é do PSOE e a protesta era contra Sánchez. Todo branco e en botella”, sigue subliñando a voceira. O Bloque denuncia, ademais, que o gasto da viaxe -tres veces superior ao pagado para ir a Fitur a promocionar Poio turísticamente- pasouse ao Concello mentres o goberno local ten arredor de 300.000 euros por pagar doutras facturas pendentes.
A portavoz do Bloque subliña que resulta moi grave que Moldes non vexa reprochable a súa conduta de utilizar os fondos do Concello para un acto de partido. Destaca que “no PP teñen tan normalizado utilizar as institucións que gobernan para os seus fins que non diferencian o que está ben eticamente do que é un uso fraudulento. A manipulación que fan das institucións é moi preocupante”.
Sinala que, neste caso, o PP fixo uso inadecuado da súa presidencia da FEMP ao facer a convocatoria para protestar contra o goberno de Pedro Sánchez, e tamén fixo uso impropio do Concello de Poio como institución ao aproveitar os fondos municipais para facer fronte ao pago das facturas. “Que non vendan dende o PP que a protesta era por defender o municipalismo. Os dirixentes ‘populares’ foron acompañar a Feijóo na pancarta para facer ruído na cruzada de Xénova contra Ferraz”, sentenzou.
Caldas lembra que o Partido Popular vén facendo movementos semellantes de uso partidista noutras institucións gobernadas pola formación. Subliñou as mocións e os plenos extraordinarios convocados en concellos e deputacións de todo o territorio español para, por exemplo, defender a Constitución e rexeitar a amnistía aos políticos cataláns do referendo, ou rexeitar a corrupción no goberno de Pedro Sánchez. “Todos son discursos claros da campaña partidista do PP, que parece non ter fin usando as institucións en beneficio propio … Pero se queren publicidade, que a paguen do seu peto e non cos cartos públicos de toda a cidadanía”, insiste.



