A responsable local Sabela Bará chama a participar nas mobilizacións convocadas na cidade que defenden que ter un fogar “é un dereito fundamental e non un negocio”
O BNG de Pontevedra reclamou hoxe dende a cidade do Lérez políticas públicas que permitan o acceso a unha vivenda: máis vivenda pública, mobilizar o parque baleiro e medidas para garantir a estabilidade habitacional. Así o fixo a responsable local Sabela Bará, quen fixo un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas na cidade para defender que ter un fogar “é un dereito fundamental e non un negocio”, criticando a un tempo que o Partido Popular “está a traizoar os intereses da xente para defender o negocio inmobiliario”.
“Estamos ante unha auténtica emerxencia habitacional. Para a mocidade e para as familias traballadoras acceder a unha vivenda está a ser cada vez máis difícil e mentres isto sucede o PP volve poñerse de lado dos intereses inmobiliarios”, afirma, lembrando que o venres pasado votou en contra dos dous decretos de vivenda que incluían medidas para protexer a estabilidade dos alugueiros, protexer ás persoas vulnerables e frear determinadas prácticas especulativas
A nacionalista considera que as administracións públicas deben actuar para evitar que o acceso á vivenda quede determinado exclusivamente pola capacidade económica de cada persoa. Por iso, o BNG reclama un incremento significativo do parque público de vivenda, a mobilización da vivenda baleira e medidas que permitan ampliar a oferta de alugueiro accesible.
Bará sitúa claramente a responsabilidade da Xunta no problema habitacional e critica o balance das políticas desenvolvidas durante os anos de goberno de Alberto Núñez Feijóo no país.
Subliña que no 2015 apenas se puxeron a disposición 2 vivendas públicas, no 2017 12, no 2018 8 e no 2019 apenas 4, datos que no último mandato de Alfonso Rueda non teñen mellorado especialmente.
“Non se pode pedir á mocidade que espere eternamente mentres o acceso á vivenda se converte nun privilexio”, afirma Bará. “Precisamos máis vivenda pública, mobilizar a vivenda baleira e políticas que permitan que a xente poida vivir e quedar nas nosas cidades”. Por todo isto, o BNG de Pontevedra manifestou o seu apoio a mobilización convocada para esta tarde e anima a toda a veciñanza a acudir á Praza da Peregrina ás 20.00 horas.
“Facemos un chamamento a participar porque a vivenda é unha cuestión que nos afecta como sociedade. A mocidade ten dereito a emanciparse, as familias teñen dereito a unha vivenda digna e as cidades teñen que poder ser lugares nos que a xente poida vivir e desenvolver o seu proxecto de vida”, conclúe Bará. “Ter unha casa na que vivir non pode ser un luxo. A vivenda ten que ser un dereito, non un negocio”.

