Telmo Martín promove un cambio de titularidade do terreo expropiado á familia Rocafort sen concretar que usos ou servizos vai haber nun terreo polo cal o Concello tivo que pagar 14 millóns de euros e pasar por un complexo proceso xudicial
“Un Goberno honesto e leal chegaría a acordos cos propietarios e informaría á veciñanza, todo o contrario ao que fai o señor Martín coa súa política de formigón”
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo lamenta o enésimo episodio de falta de transparencia do Goberno municipal de Telmo Martín, que promove un cambio de definición urbanística da parcela das Cunchas, pasando de zona verde a zona de servizos, sen dar ningún tipo de explicación sobre que plans ten o Partido Popular para este terreo.
Unha área cuxa expropiación costou aos veciños e veciñas de Sanxenxo máis de 13 millóns de euros, unha contía desmesurada e provocada pola incapacidade do alcalde á hora de chegar a un acordo coas persoas propietarias dos terreos.
Os nacionalistas abtivéronse na votación deste punto no Pleno extraordinario deste luns. Tal e como explicou o voceiro, Fran Leiro, “desde o BNG defendemos que estes terreos sexan de utilidade para a veciñanza, pero un Goberno honesto e leal cos seus veciños e veciñas sería transparente e aclararía que usos pretende darlle a esta zona, cousa que o señor Telmo Martín non está a facer. Nin sequera está demostrado se os usos que se lle queden dar á parcela se poderían realizar noutro emprazamento”, sinalou, lamentando a falta de transparecencia e o escurantismo da maneira de proceder do equipo de Goberno do Partido Popular coa súa consabida política de cemento e formigón.
Para o Bloque este é un exemplo máis da mala xestión que o alcalde e o Partido Popular levan anos realizando sobre estes terreos. “O señor Telmo Martín presume de que el non negocia con ninguén e iso levounos a ter que pagar 14 millóns de euros por eses terreos, cando o anterior Goberno tripartito acordara coa familia Rocafort un prezo de tres millóns. Para o alcalde é máis importanto o seu orgullo que velar polos intereses da veciñanza”, criticou Fran Leiro, que tamén desvelou que Telmo Martín manobrou para non permitir que o departamento de Intervención remitise ao BNG un informe sobre os custos exactos de todo o proceso xudicial e da expropiación da finca das Cunchas.
“Solicitamos un documento que o alcalde denegou, nun novo episodio de falta de transparencia flagrante”, reprochou Fan Leiro. Despedida de María Deza.
Por otra banda, desde o Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo transmitimos os nosos parabéns a María Deza polo seu nomeamento como responsable da Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Xunta de Galicia. “Máis alá das discrepanzas políticas ou ideolóxicas, a
señora Deza é unha persoa que sempre tratou con respecto ao resto de compañeiros e compañeiras da Corporación. Queremos desexarlle boa sorte nesta nova etapa profesional”.



