O Concello de Nigrán disporá este xoves do Nigránbus como lanzadeira a Praia América desde Porto do Molle

adminON
Lectura mínima de 4

O servizo municipal, que funciona de 11:00 a 21:00 horas durante os fins de semana de xullo e agosto, tamén está operativo os festivos do 1 de agosto (San Fiz, patrón de Nigrán) e 15 de agosto

O vehículo conecta de xeito directo cada 10 minutos o parque empresarial Porto do Molle (parking da rúa das Pontes, detrás de Delta) e a praia (rúa Rans). De luns a venres funciona co percorrido normal por toda a localidade

Os usuarios terán todos os beneficios da Tarxeta Metropolitana, o que supón 0,40 céntimos por traxecto e gratis os trasbordos e as viaxes para menores de 21 e maiores de 65

O Concello de Nigrán disporá no vindeiro festivo do xoves 25 de xullo, xunto co 1 de agosto (San Fiz, festivo local en Nigrán) e 15 de agosto, do bus lanzadeira que une as fins de semana Porto do Molle e Praia América-Lourido en só 11 minutos. Este servizo municipal operativo durante xullo e agosto de 11:00 a 21:00 horas conecta de xeito directo cada 15 minutos o parque empresarial (parking da rúa das Pontes) e a praia (rúa Rans) a través do ‘Nigranbus’. O resto da semana mantén o seu percorrido habitual (de Chandebrito a Priegue pasando por todas as parroquias, incluíndo a parada na praia). O Concello de Nigrán subliña que ao estar recoñecida esta liña como ‘Servizo de Interese Municipal’ (SIMU) dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, beneficiase de todas as bonificacións que lle corresponde coa devandita tarxeta de usuario, é dicir, supón 0,70 ou 0,40 céntimos por traxecto se é unha viaxe habitual, gratis para xubilados e menores de 21 anos e trasbordos incluídos (sen esta tarxeta a tarifa non bonificada sería de 1,55 €).

Deste xeito, en xullo e agosto, os sábados, domingos e festivos o mesmo autobús empregado para o Nigranbus de luns a venres (vehículo de 22 prazas máis unha de mobilidade reducida) está realizando de xeito circular e directo (non hai paradas intermedias) o percorrido que une rúa das Pontes (area de aparcamento detrás de Delta, Porto do Molle) e Praia América (rotonda de Vista ao Mar con rúa Rans, a escasos 50 metros do areal). O horario é de 11:00 a 21:00 horas cun parón de 13:00 a 14:30 horas e outro de 17:00 a 17:30.

“Resulta unha opción medioambientalmente máis sostible e non cabe dúbida de que o usuario aforra moitísimo tempo con respecto a achegarte co teu propio coche”, explica Juan González, alcalde de Nigrán. “Calquera persoa pode empregar esta lanzadeira, pero está claro que os máis beneficiados son os veciños e veciñas das parroquias máis afastadas da costa, como é Chandebrito, Camos e Parada, porque Porto do Molle é un punto intermedio de camiño a súa casa que non implica un maior desvío”, engade Diego García, edil de Mobilidade e impulsor desta iniciativa.

Comparte este artigo