A fronte nacionalista denuncia a “insuficiencia” desta partida para 2025, que equivale a 50 euros mensuais para un máximo de 33 mulleres, dun orzamento total de 335 millóns
Xabier P. Igrexas: “É inxustificábel que o mesmo Goberno municipal que outorga máis de 200 mil euros a subvencións á Igrexa católica, pretenda destinar un 10% desa cantidade para axudar as mulleres vítimas de violencia machista”
O Bloque Nacionalista Galego esixe aumentar as axudas directas do Concello de Vigo destinadas a mulleres vítimas de violencia machista. Así o demandou este venres o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, despois da apertura da convocatoria para 2025 que conta cun orzamento de tan só 20 mil euros e cun límite de 600 euros anuais por beneficiaria.
“Un esforzo raquítico diante dunha realidade tan grave como é a violencia machista por parte do Concello da maior cidade galega, que conta con 335 millóns de euros de orzamento para este ano”, afeou Igrexas, subliñando que estes recursos para violencia machista equivalen a apenas 50 euros mensuais para un máximo de 33 mulleres.
Dende a fronte nacionalista consideraron “inxustificábel” esta partida orzamentaria cando o propio Goberno municipal destina, por exemplo, 10 veces máis diñeiro público a subvencións á Igrexa católica.
Propostas do BNG rexeitadas por Caballero
E todo malia que, lamentou Igrexas, dende o Bloque xa alertaron da necesidade de aumentar os fondos para este programa mediante unha das 152 emendas formuladas aos orzamentos municipais, na que propuñan dedicar como mínimo 300 mil euros a estas axudas directas para vítimas de violencia machista.
“Cando o BNG propuxemos con ese aumento e outras partidas destinar case 1,2 millóns máis en políticas feministas e a favor da igualdade, o Goberno de Abel Caballero dixo non”, criticou o portavoz nacionalista, chamando a rectificar as bases da convocatoria para elevar até un máximo de 3 mil euros anuais o importe destas axudas.
“Só así atenderemos o clamor do movemento feminista que esixe con toda a razón ‘máis recursos, menos discursos’ e ofreceremos un apoio real a persoas en situación de clara vulnerabilidade, e non apenas unha pequena esmola”, remachou Igrexas.